Luisa Piñeiro reafirma a "máxima colaboración" da Xunta co Concello da Guarda coas obras da VAP do Baixo Miño, a escola infantil e de Portos de Galicia

Lembra o “gran compromiso” do Goberno galego co municipio tras investir máis de 12 M€ na última lexislatura con especial implicación en economía, emprego e comercio e política social

A delegada territorial mantén unha xuntanza de traballo co alcalde, Antonio Lomba, para recoller as súas demandas para a Xunta

A Guarda, 10 de decembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, reafirmou esta mañá a “máxima colaboración” do Goberno galego co Concello da Guarda durante a súa visita institucional ao municipio. Así, apuntou que nos vindeiros meses haberá importantes actuacións en materia de infraestruturas, cun novo treito da Vía de Altas Prestacións (VAP) por 17 millóns de euros que mellorará a mobilidade no Baixo Miño, a nova escola infantil licitada en 760.000€ ou as obras de Portos de Galicia na rampla do peirao por 200.000€.

A representante autonómica lembrou o “gran compromiso” do executivo autonómico con A Guarda, xa que lembrou que se investiron máis de 12 millóns de euros na derradeira lexislatura con especial implicación en materia de economía, emprego, formación e comercio, con máis de 5 millóns, e na área de política social, con preto de 3 millóns para libranzas, coidados ou o Risga, entre outras.

Luisa Piñeiro detallou estas actuacións recentes e futuras tras manter unha reunión de traballo co alcalde da Guarda, Antonio Lomba, para recoller as súas demandas para a Xunta e comprometeuse a comezar coa xestión das mesmas para ver as posibilidades de actuación por parte do Goberno galego.

En calquera caso, garantiu a “total dispoñibilidade e apoio” do executivo autonómico nas cuestións de interese xeral para o municipio e cre que este ánimo de colaboración “queda máis que demostrado cos próximos investimentos en practicamente todas as áreas e que axudan tanto a mellorar a comunicación dos veciños como a atender as súas necesidades e contribuir ao incremento do benestar e da calidade de vida dos guardeses”. Entre elas, destacou a creación de tres unidades con 41 prazas na nova gardería, que conta dende onte mesmo con proposta de adxudicación por parte da Xunta, o que situará a ratio de atención á infancia no municipio quince puntos por riba dos parámetros recomendados pola Unión Europea (UE).

Imaxes relacionadas