A Xunta destaca en Ferrol o labor do CIS para facilitar a transferencia de coñecemento e tecnoloxía ás pemes e á industria

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinala que o centro, que celebra o seu 25 aniversario, é tamén un referente en ámbitos como o deseño, novos materiais, vixilancia tecnolóxica ou no fomento de vocacións científicas

Apunta que proximamente Siemens instalará o seu Centro de Excelencia do Naval (Cesena) no CIS, no que Navantia desenvolve tamén o seu proxecto de xemelgos dixitais, convertendo as instalacións nunha referencia para o naval

Fai fincapé en que o Goberno debe cumprir o seu triplo compromiso con Ferrol: incluír o sector no reparto dos fondos europeos, contar con carga de traballo ata o comezo das fragatas F-110 e iniciar o dique cuberto

Os orzamentos de 2021 inclúen axudas por 2 millóns de euros para que as pemes galegas incorporen o deseño no seu día a día

Ferrol, 10 de decembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe na súa visita en Ferrol ao CIS Tecnoloxía e Deseño con motivo do seu 25 aniversario o gran labor deste centro facilitando a transferencia de coñecemento e de tecnoloxía cara á industria e ás pemes galegas, especialmente de sectores como o naval.

O CIS conta con 7 proxectos europeos en vigor e 11 finalizados, que supoñen un orzamento total de 11,5 millóns de euros, e a colaboración de case 50 socios de 8 países. Na visita de hoxe, o conselleiro tivo ocasión de coñecer polo miúdo dous deses proxectos: Maingap, centrado no sector da automoción e o aeronáutico, e Manufactur 4.0, no sector naval.

Este último proxecto, sumado ao dos xemelgos dixitais que desenvolve Navantia, fan actualmente do CIS en Ferrol un centro de investigación e experimentación da tecnoloxía dixital ligada á industria naval. Ademais, segundo apuntou Conde, proximamente Siemens instalará alí o seu Centro de Excelencia do Naval (Cesena), que vai permitir “incorporar ese coñecemento, esa experiencia, e a excelencia e o traballo dunha empresa como Siemens no eido da dixitalización traballando conxuntamente tamén con Navantia”. Neste eido, Conde sinalou a “ambición de que o CIS sexa o verdadeiro centro de referencia desde o punto de vista do naval, e siga contribuíndo aos obxectivos de mellorar a competitividade deste sector”.

O vicepresidente económico sinalou que agarda que o Goberno se sume ao obxectivo e cumpra as súas obrigas con Ferrolterra, cun triplo compromiso: que inclúa dentro do Plan Nacional de reformas os investimentos necesarios para que se poida incorporar o sector naval dentro dos fondos europeos Next Generation; e que polo tanto iso contribúa ao conxunto do sector en Galicia; e que ao mesmo tempo desde o punto de vista de Navantia se poidan acometer os investimentos vinculados ao dique cuberto, “que lle vai permitir mellorar esa competitividade de cara a futuro”; e “esa carga de traballo mentres non se produce a posta en marcha da construción das fragatas F-110”.

Conde lembrou que no CIS Tecnoloxía e Deseño, —que nos últimos 25 anos liderou 18 proxectos europeos, congregou a máis de 2500 participantes en actividades de difusión e formación, e colaborou con máis dun cento de entidades públicas, privadas e empresas—, traballan, ademais de Navantia e da futura instalación de Siemens, Aclunaga, que ten no CIS unha das súas sedes; e a Escola de Organización Industrial (EOI), que a través dun convenio co Igape leva desenvolvido cinco edicións do coworking de Ferrolterra.

As instalacións situadas na Cabana son tamén unha referencia no ámbito do deseño, porque como divulgador do Programa de Deseño para a Innovación o CIS traballa en conseguir que as empresas o incorporen a toda a cadea de valor. Nesta liña, os orzamentos da Xunta para 2021 inclúen unha orde de axudas por 2 millóns de euros para que as pemes galegas poidan contar cos medios necesarios para incorporar o deseño no seu día a día en todas as súas vertentes: deseño industrial, gráfico, de produto, na organización, dixital e multimedia.

O CIS é tamén referente en novos materiais, porque, a través da Materioteca, convértese nun espazo de exposición e arquivo de materiais innovadores cun servizo especializado en facilitar a súa transferencia ao tecido empresarial; en vixilancia tecnolóxica, cunha dilatada experiencia que ofrece a empresas e organizacións; en transferencia de tecnoloxía, impulsando a cooperación intersectorial e entre empresas; e no fomento de vocacións científico tecnolóxicas, a través dun programa lúdico e didáctico, no que o pasado ano participaron máis de 1000 alumnos e alumnas de 18 centros educativos de Galicia.

Imaxes relacionadas