A Xunta defende o impulso de todas as administracións á innovación e á dixitalización para avanzar na recuperación económica

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na xornada dixital ‘Innovación e competitividade de empresas’, organizada polo Foro Empresa Pontevedra en colaboración co Instituto para o Crecemento Sustentable da Empresa

Destaca que o Goberno galego intensifica nos orzamentos de 2021 os instrumentos de apoio financeiros, de mellora da competitividade e a presenza no exterior para facilitar a reactivación do tecido produtivo galego, especialmente das pemes

Apunta á colaboración entre empresas, centros de coñecemento e administracións para atopar solucións ás exixencias actuais provocadas pola pandemia da covid-19
 

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2020

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na xornada Innovación e competitividade da empresa: instrumentos de apoio técnico e financeiro, organizada polo Foro Empresa Pontevedra en colaboración co Instituto para o Crecemento Sustentable da Empresa (ICSEM), onde defendeu a necesidade de que todas as administracións intensifiquen os esforzos para seguir impulsando a innovación e a dixitalización do tecido produtivo galego para avanzar na recuperación económica e afrontar os retos provocados pola pandemia da covid-19.

O director do Igape destacou tamén que a Xunta vén de reforzar os orzamentos do Igape para 2021, duplicando os seus recursos para apoiar as empresas galegas, especialmente as pemes, na súa aposta nestes eidos, ademais da internacionalización e a mellora da competividade. Lembrou que se destinarán 187 millóns de euros á transformación industrial e empresarial de Galicia a través do apoio ao seu financiamento, que se multiplica por tres con respecto ao actual orzamento.

No que respecta ao fomento da competitividade, Guldrís sinalou que, cunha dotación de 50 millóns de euros, a Xunta reforza os centros de fabricación avanzada, apoia os proxectos de dixitalización nas pemes e impulsa novos programas, entre os que salientou os servizos de asesoramento do ReAcciona+, as axudas para a adaptación tecnolóxica e de material á nova situación provocada tras a covid-19 e o apoio aos emprendedores, entre outros.

O director do Igape fixo fincapé tamén na importancia da colaboración entre empresas, centros de coñecemento e as distintas administracións para atopar solucións ás exixencias actuais. Nese sentido, incidiu na relevancia de foros como a xornada de hoxe, na que representantes da Empresa Nacional de Innovación (ENISA) -dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo- e do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), ademais do propio director do Igape, achegaron ás empresas participantes as distintas posibilidades para levar a cabo proxectos de innovación xunto cos medios de financiamento e apoio dispoñibles.

Imaxes relacionadas