O Páramo convértese no primeiro concello galego en dispor dun plan básico de ordenación municipal

Este concello lucense abre a lista de municipios que se dotarán con este instrumento de ordenación recollido na Lei do solo para aqueles concellos de menos de 5.000 habitantes, xa que nos vindeiros meses oito máis aprobarán o seu propio plan básico

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salienta que o visto e prace ao plan básico municipal do Páramo tamén representa a superación dun chanzo máis no reto fixado polo Goberno galego de acadar un urbanismo responsable

Lugo, 10 de decembro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a Orde de aprobación do Plan Básico Municipal do Concello do Páramo, polo que se converte no primeiro municipio galego en dispor desta ferramenta de ordenación, recollida na Lei do solo.

A conselleira de Medio Ambiente felicitou ao rexedor municipal por “abrir a lista de municipios galegos con menos de 5.000 habitantes que se poden dotar desta ferramenta, coa que fixar un crecemento ordenado do seu concello e apostar por un urbanismo responsable” e engadiu que nos vindeiros meses Ribeira de Piquín, Riotorto, Trabada, Triacastela, Cartelle, Padrenda, Porqueira e San Xoán de Río seguirán o exemplo do Páramo e aprobarán o seu propio plan básico, que se está a ultimar a súa redacción tras superar a tramitación ambiental.

Tal e como explicou a conselleira, un plan básico municipal é unha ferramenta pensada para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamento xeral, co obxectivo de dotalos dun instrumento urbanístico básico que lles permita ofrecer unha capacidade de acollida residencial e económica que dea resposta ao desenvolvemento elemental dunha certa actividade urbanística, pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

Neste sentido, os plans básicos municipais dotarán a estes concellos dunha ordenación básica, que estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal polo respectivo municipio.

Co fin de obter unha guía de orientación que axudara, e motivara, aos concellos que se poden acoller a esta circunstancia, a Xunta asumiu directamente a redacción do primeiro Plan Básico Municipal, o do Concello do Páramo; e colabora técnica e económicamente cos outros oito concellos que se atopan tramitando esta ferramenta de ordenación.

Acadar un urbanismo responsable

A conselleira de Medio Ambiente destacou que ao longo desta última década deu pasos cara un obxectivo fixado no ano 2009: dotar a Galicia dun urbanismo sostible e responsable e protexer a paisaxe.

Para acadar dito reto aprobáronse instrumentos e medidas, como as Directrices de Ordenación, o Plan de Ordenación do Litoral, e a Estratexia da Paisaxe Galega; e dotouse á comunidade dunha nova Lei do solo e dun Plan Básico Autonómico. “Un traballo e un esforzo que, por poñer un exemplo, se visualiza nos 108 plans xerais de senllos concellos que na actualidade contan cun Pxom adaptado e acorde á normativa vixente”, resumiu.

Indicou que a aprobación do Plan Básico do Páramo é un punto e seguido para avanzar na tramitación doutros nove plans básicos para outros tantos municipios, dos que xa temos licitado a obtención da súa cartografía, os primeiros traballos desta ferramenta de ordenación; polo que en futuras fases se abordará a redacción dos 19 concellos de menos de 5.000 habitantes que poderían dotarse dun plan básico municipal.

Ao mesmo tempo, no ano 2021, a Consellería tamén reserva unha partida orzamentaria de 3,2 millóns de euros para habilitar axudas á redacción de planeamento, co fin de incrementar a lista de concellos de Galicia que contan cun plan xeral propio, adaptado e acorde á normativa.

Por último, salientou un novo texto normativo que ten incidencia no urbanismo, como é a Lei de Ordenación do Territorio, que xa está na súa fase final da tramitación parlamentaria e, polo tanto, poderá entrar en vigor no ano 2021.

Imaxes relacionadas