Medio Ambiente abre mañá o prazo de solicitudes para poder pescar lamprea no río Ulla durante a vindeira tempada

O Diario Oficial de Galicia publica a orde pola que se regula esta práctica e se fixan os trámites, requisitos e condicións que deben cumprir os pescadores interesados

Dentro das pesqueiras tradicionais neste río, hai 28 que aínda están operativas

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2020-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abrirá a partir de mañá e por un período de 15 días hábiles o prazo de presentación de solicitudes para poder pescar lamprea no río Ulla durante a vindeira tempada. Así figura na Orde que regula a práctica desta actividade durante a tempada 2021 e que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

A lamprea (Petromizon marinus) é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, xa que para a súa captura seguen a utilizarse procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies. Esta é a razón pola que cada ano se establece un réxime especial para a súa pesca co obxectivo de que se realice un aproveitamento específico e ordenado da lamprea.

Dentro das pesqueiras tradicionais no río Ulla, existen na actualidade 28 que aínda están operativas. As persoas interesadas en traballar a lamprea nestas zonas deberán estar en posesión da correspondente licenza de pesca e contar co permiso de cuarta categoría para cada día e pesqueira. Como é habitual, xunto cos permisos entregarase un libro de rexistro de capturas que deberá ser debidamente cuberto, estará sempre a disposición das autoridades competentes e, unha vez rematada a tempada, terá que ser enviado ao Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles contados a partir de mañá. Os pescadores interesados deberán tramitalas preferiblemente por vía telemática a través da sede electrónica da Xunta, aínda que tamén poderán facelo de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común (oficinas de Correos, rexistros municipais e da Xunta, entre outros).

Período hábil

Tal e como establece a orde, para o exercicio da pesca con aproveitamento nas pesqueiras do río Ulla expedirase a licenza das clases A ou B, segundo corresponda, na que se indicará a especie autorizada (lamprea) e se especificará a pesqueira na que se pode practicar esta pesca, de acordo coa lista establecida no Anexo I da orde publicada hoxe.

Segundo a normativa, o período hábil de pesca da lamprea no Ulla para o vindeiro ano será:

- Nas pesqueiras de Areas (Herbón), do 4 de xaneiro ao 27 de marzo.
- No tramo comprendido desde a pesqueira As Vellas (Herbón) ata a pesqueira da Trapa (Herbón), ambas incluídas, do 1 de febreiro ao 24 de abril.
- No tramo comprendido desde as pesqueiras da Caseta e Furado (Carcacía) ata a pesqueira de Lampreeiro, lugar das Pesqueiras (Reis), todas incluídas, do 8 bde febreiro ata o 8 de maio.

Polo que respecta aos horarios, as redes só poderán estar colocadas desde as 20,00 horas ata as 08,00 horas, quedando prohibida a realización dos labores de pesca –é dicir, que deberán levantarse as redes das pesqueiras- entre as 08,00 horas dos sábados e as 20,00 horas dos luns.

Imaxes relacionadas