O Goberno galego lembra que o compromiso adquirido con Galicia era a posta en servizo da modernización da liña entre Ourense, Monforte de Lemos e Lugo en 2020

A Xunta lamenta o incumprimento do compromiso do Goberno de España coa chegada da alta velocidade a Lugo, cuxas primeiras obras non poderán estar en servizo antes de 2024

A día de hoxe non se está a executar ningunha actuación salientable das planificadas na liña ferroviaria Ourense-Monforte-Lugo para acurtar os tempos de viaxe con Madrid

As obras anunciadas hoxe do túnel de Oural e da renovación de vía Monforte-Lugo non comezarán a executarse ata finais do vindeiro ano

Continúa sen adxudicarse a obra de electrificación da liña entre Ourense e Monforte, que foi licitada en outubro de 2019

Non se coñecen avances nas variantes de trazado dos Peares-Canabal e de Rubián

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2020

A Xunta lamenta o incumprimento por parte do Goberno de España do seu compromiso coa chegada da alta velocidade ferroviaria a Lugo, cuxas primeiras obras non poderán estar en servizo antes de 2024. O compromiso adquirido con Galicia era pór en servizo a modernización da liña ferroviaria entre Ourense, Monforte de Lemos e Lugo no ano 2020.

Actualmente non se está a executar ningunha actuación salientable das obras planificadas na liña ferroviaria Ourense-Monforte de Lemos-Lugo co obxectivo de acurtar os tempos de viaxe entre a capital lucense e Madrid.

As obras anunciadas hoxe, de renovación da vía no treito entre Monforte de Lemos e Lugo, e de construción dun novo túnel de Oural deberán aínda, tras a aprobación polo Consello de Ministros, iniciar a súa contratación oficial. Tendo en conta os prazos establecidos para as contratacións, as obras non poderán comezar antes de finais de 2021. E, á vista dos prazos de execución das obras previstos, estas non poderán pórse en servizo antes de comezos de 2024.

Cómpre ter en conta que continúan sen adxudicarse as obras de electrificación da vía entre Ourense e Monforte, que foron licitadas en outubro do ano 2019.

Doutra banda, descoñécense avances nos trámites necesarios para acometer as variantes de trazado previstas dentro da planificación da alta velocidade a Lugo, a dos Peares-Canabal e a de Rubián.