A Policía Autonómica realizou 175 inspeccións e tramitou 42 denuncias durante a ponte da Constitución na provincia de Pontevedra nos controis de medidas ante a covid-19

Os 71 dispositivos despregados enmárcanse no plan de actuacións específicas destinadas a evitar a propagación do coronavirus, no marco da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias

Os dispositivos leváronse a cabo nos municipios de Baiona, Cambados, Cangas, O Grove, Marín, Moaña, Nigrán, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Sanxenxo, Vigo e Vilaboa

Pontevedra, 9 de decembro de 2020.- Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante a pasada Ponte da Constitución un total de 71 dispositivos na provincia de Pontevedra no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes fronte á covid-19. Ao abeiro destes máis de 70 controis, os axentes actuaron en 16 concellos da provincia nos últimos cinco días, onde se realizaron 175 inspeccións nas que foron identificadas 170 persoas e tramitáronse 42 denuncias.

En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos entre o 4 e o 8 de decembro a controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus. Os dispositivos leváronse a cabo nos municipios de Baiona, Cambados, Cangas, O Grove, Marín, Moaña, Nigrán, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Sanxenxo, Vigo e Vilaboa.

No conxunto da comunidade galega, os axentes actuaron nun total de 52 concellos, nos que que se rexistraron 213 operativos cun total de 582 inspeccións, con 665 persoas identificadas e 101 denuncias tramitadas. Estes dispositivos enmárcanse no seo da colaboración xeral entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias, e que está a intensificarse para o control das medidas fronte á covid-19.

Durante os operativos, os axentes controlaron que nos espazos públicos e nos establecementos abertos, terrazas e espectáculos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais ou a prevención do botellón, entre outras tarefas.