Luisa Piñeiro reafirma a “máxima colaboración” da Xunta de Galicia cos concellos do Grove e Meis na súa visita institucional

Lembra o “gran compromiso” do Goberno galego con ambos municipios tras investir case 24 M€ na derradeira lexislatura con especial implicación nos sectores do mar, medio rural, educación e política social

A delegada territorial mantén senllas xuntanzas co alcalde José Cacabelos e a rexedora Marta Giráldez para recoller as súas demandas para a Xunta

O Grove, 9 de decembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, reafirmou esta mañá a “máxima colaboración e total dispoñibilidade” do Goberno galego cos concellos do Grove e Meis tras cursar senllas visitas institucionais a ambos municipios.

A representante autonómica lembrou o “gran compromiso” do executivo autonómico con ambos territorios, xa que lembrou que se investiron case 24 millóns de euros na derradeira lexislatura con especial implicación no sector do mar, no caso do Grove, que recibiu 4,6 millóns para acuicultura, transformación e comercialización de produtos de pesca, e do medio rural, no correspondente a Meis, que se beneficiou de 3,3 millóns destinados aos avances na parcelaria de San Martiño-Armenteira ou o impulso de produtos vitivinícolas, entre outras actuacións.

Así mesmo, tamén destacaron especialmente as apostas en políticas sociais, con 2,9 millóns no Grove para a terceira idade e atención a menores, e en educación, xa que o Concello de Meis foi un dos primeiros de Galicia nos que se acometeu a rehabilitación enerxética e funcional do seu colexio, cifrada en case 600.000€.

Luisa Piñeiro mantivo senllas reunións de traballo co alcalde do Grove, José Cacabelos, e coa rexedora de Meis, Marta Giráldez, para recoller as súas demandas para a Xunta e comprometeuse a comezar coa xestión das mesmas para ver as posibilidades de actuación por parte da Xunta.

En calquera caso, garantiu a “implicación” do Goberno galego nas cuestións de interese xeral para ambos municipios e o ánimo de colaboración para atender todas aquelas referidas principalmente á crise sanitaria da covid-19 e aos seus efectos socioeconómicos.