A Xunta enxalza a aposta continua da conserva galega por gañar en competitividade sen esquecer a responsabilidade empresarial

A Consellería do Mar subliña o compromiso das empresas de Anfaco-Cecopesca na busca de solucións aos problemas sociais, económicos e medioambientais das poboacións ou localidades nas que están asentadas

A directora xeral de Pesca lembra que o Executivo galego volve a apostar nos orzamentos de 2021 pola industria transformadora de produtos do mar con partidas como os 27 millóns de euros destinados aos investimentos do sector
 

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2020

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, enxalzou hoxe o labor desenvolvido polo sector conserveiro galego na busca constante dunha maior competitividade sen esquecer a responsabilidade corporativa, é dicir, a importancia de que as empresas contribúan a resolver os problemas sociais, económicos e medioambientais aos que se enfrontan as poboacións ou localidades nas que están asentadas.

A representante da Consellería do Mar salientou o compromiso da industria transformadora galega neste eido durante a clausura da Presentación do Plan de Creación de Valor Compartido e Decálogo de Desenvolvemento Sostible da Industria Conserveira, no que a patronal conserveira Anfaco-Cecopesca expuxo o resultado do traballo realizado en analizar se tanto as accións desenvolvidas ata o momento como as previstas no futuro se enmarcan nos obxectivos de desenvolvemento sostible.

Mercedes Rodríguez lembrou o bo labor feito desde sempre polas empresas conserveiras galegas en materia de responsabilidade social corporativa e indicou que, froito dese bo facer, o diagnóstico obtido por Anfaco-Cecopesca mostra que as accións desenvolvidas pola patronal conserveira inciden directamente en 14 dos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible. Ao mesmo tempo, engadiu, ese traballo permitiu deseñar un cronograma coas metas e obxectivos a acadar con cada unha das iniciativas postas en marcha.

A directora xeral de Pesca tamén incidiu en que o Executivo galego segue a apoiar a este sector nos orzamentos do próximo ano ao incluír un incremento do 16% nos fondos destinados á regulación das producións e dos mercados da pesca, unha suba do 28% na contía asignada á mellora da comercialización e apoios aos investimentos das industrias de transformación e comercialización que suman preto de 27 millóns de euros, a partida máis importante dos orzamentos da Consellería do Mar para o ano que vén.

Nesta liña, Mercedes Rodríguez tamén agradeceu o labor de Anfaco-Cecopesca na correcta xestión dos recursos, apostando pola sustentabilidade, posto que esas boas actuacións permitirán garantir o futuro do sector e de boa parte da cidadanía que depende das actividades do complexo mar-industria galego.