A Xunta promove a difusión dos valores da obra de Neira Vilas a través do V concurso 'Balbino' de relatos

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da obra galardoada, que recaeu en ‘Bica de Montouto’, de Pepe Peinó

Vila de Cruces (Pontevedra), 9 de decembro de 2020

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do libro gañador do V Concurso Balbino de Relatos, un certame apoiado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para promover a difusión do valores da obra de Neira Vilas, fundamentalmente arredor do rural e a emigración.

Bica de Montouto, de José Vázquez Peinó (Pepe Peinó), é a obra galardoada nesta edición, a historia de catro anciáns que loitan contra o despoboamento da súa aldea, para o que deciden unir forzas e poñer en marcha unha pequena industria artesanal.

Pepe Peinó (Lugo, 1960) é profesor de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia no IES Alfoz - Valadouro, onde reuniu unha ampla experiencia como autor e director de obras de teatro. No ámbito cinematográfico dirixiu máis de 10 proxectos audiovisuais, cos que logrou galardóns no Certame OUFF Escola ou no Certame de Cine do IES Monte Carrasco (Cangas). A súa última curta, Medos, foi seleccionada no certame da Semana do Cine de Lugo 2020. Como novelista ten publicado Escombros, moitos escombros (2015), A fuxida (2018), ambas en galego, e A Solo no le gustaba su nombre (2020), en castelán.

Nas catro anteriores edicións foron gañadores do Concurso Balbino de Relatos Camiños na sombra (2016), de Xián Lois Alcayde Lans; De que falarán as árbores (2017), de Ricardo Cid Paz; Máis alá do río do esquecemento (2018), de Ricardo Ferreiro Almeda; e B.S.O. Banda Sonora Orixinal (2019), de Pablo Nogueira Campo.

O concurso está organizado por Técnicas & Gramaxe SL e Edicións Fervenza, coa conformidade da Fundación Xosé Neira Vilas. Colaboran, así mesmo, a Deputación de Pontevedra e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces, que tamén estiveron representados no acto de hoxe.