Ángeles Vázquez resalta que coa futura Lei de residuos Galicia adiántase ao Estado para avanzar no modelo de economía circular

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abriu esta mañá o debate da totalidade do proxecto lexislativo no Parlamento defendendo a necesidade de renovar o actual marco normativo galego para adaptalo ás directrices comunitarias

Con ela pecharase o círculo das ferramentas xurídicas e normativas para que a Comunidade consolide a súa posición á cabeza de Europa en xestión de residuos

A aposta pola reciclaxe e a reutilización, a loita contra os plásticos dun só uso e a redución do desperdicio alimentario destacan entre os grandes obxectivos da lei

En materia de solos, o texto avoga sobre todo pola prevención da contaminación e cando non sexa posible, por primar a recuperación ‘in situ’ dos mesmos

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2020

A Lei de residuos e solos contaminados superou hoxe o seu debate á totalidade no Parlamento co reto de conducir á Comunidade cara a un novo modelo de economía circular que se afaste do trinomio extraer, usar e tirar, e adiantar deste xeito ao Goberno do Estado á hora de dotarse dun marco normativo moderno, eficaz e adaptado á normativa comunitaria en relación a esta materia.

Así o subliñou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que se encargou de abrir o debate na Cámara cunha intervención na que defendeu a necesidade de adaptar unha lexislación autonómica que tras 12 anos de vixencia quedou “obsoleta” fronte aos importantes cambios que se produciron tanto na forma de producir e consumir, como na xeración de residuos e na súa xestión.

Con este obxectivo xeral, a conselleira citou entre os puntos fortes da lei que acaba de iniciar a súa tramitación parlamentaria a simplificación administrativa, a mellora do control e da xestión dos procedementos que corresponden ás Administración públicas, a aposta pola creación de emprego verde vencellado ao sector residuos e a garantía dun marco xurídico máis completo e tecnicamente axeitado para responder ás necesidades existentes.

Coa futura Lei de residuos, segundo indicou, Galicia situarase á cabeza das comunidades e rexións europeas en apostar pola xerarquía na xestión dos residuos incidindo na prevención, así como á hora de integrar na súa normativa o contido da directiva comunitaria en materia de plásticos, fixando mecanismos eficaces para loitar contra o plástico dun só uso e contra o desperdicio alimentario, entre outros aspectos.

Estes son, precisamente, dous dos obxectivos concretos máis importantes da normativa que se está a debater na Cámara galega. Concretamente, Vázquez Mejuto explicou que a xestión dos biorresiduos será un dos piares básicos en torno aos que a Lei buscará a colaboración e coordinación cos concellos, como administración responsable da xestión dos residuos domésticos. Así, os municipios deberán instaurar a recollida separada a finais do ano 2023, motivo polo que o seu departamento reserva 25 millóns de euros nos orzamentos do próximo ano á construción de tres novas plantas de biorresiduos en Galicia.
A primeira, explicou, estará en Vilanova de Arousa e dará servizo a 25 concellos tras ser licitada a semana pasada, sumándose unha vez estea construída á planta de compost que xa está operativa no complexo medioambiental de Cerceda.

Outro dos obxectivos básicos deste texto será o de reducir drasticamente o consumo de plásticos dun só uso, prohibindo a entrega gratuíta de bolsas de plástico e a venta de vaixelas de plástico ou dun só uso. Con esta idea entronca tamén a loita contra o desperdicio alimentario, unha eiva á que a futura lei, segundo explicou a conselleira, tamén quere dar unha axeitada resposta.

Deste xeito, o texto establece que en 2025 deberase reducir nun 30% o volume de residuos de alimentos respecto ao ano 2010, unha porcentaxe que se eleva ao 50% en 2030. Para logralo, Ángeles Vázquez explicou que os titulares dos establecementos de restauración estarán obrigados a entregar (se o cliente así o solicita) as fraccións sobrantes de alimentación non consumidas no local, e que ademais deberán facelo en recipientes compostos nun 50% de material biodegradable, nunca de plástico.

Do mesmo xeito, promoverase un código de boas prácticas en relación aos excedentes alimentarios, aberto á participación de todos axentes implicados no chamado canal Horeca do sector hostaleiro co fin de mitigar a produción dos desperdicios alimentarios, unha medida inspirada na necesidade de fomentar a formación e a educación ambiental da sociedade.

Así mesmo, a conselleira salientou que o texto mesmo adianta e supera os obxectivos fixados por Europa e España. É o caso da redución dos residuos con respecto aos datos de 2010, que na lei se fixa nun 15% para dentro de cinco anos fronte ao prazo límite establecido pola UE (2030). Algo parecido ocorre no caso dos residuos derivados a vertedoiro, co reto a nivel comunitario de acadar en 2035 o chamado vertido técnico 0 (é dicir, que só o 10% da cantidade total xerada acabe en vertedoiros), un obxectivo que a planta de Sogama xa acadou este mesmo ano, é dicir, 15 anos antes do previsto por Europa.

Por último, Vázquez Mejuto lembrou que a outra pata da lei será a xestión dos solos, un apartado no que destacou a aposta decidida que se fai pola prevención ou, en caso de ser necesario, pola recuperación in situ dos terreos contaminados, para o que incidirá máis no control e se prevé a creación dun rexistro de calidade do solo.

Pasos dados na última década

Por todo o exposto, a conselleira argumentou que a Lei de residuos e solos contaminados aspira a pechar o “círculo” das ferramentas xurídicas e normativas necesarias para consolidar a posición de Galicia “á vangarda” de Europa nesta materia.

Neste sentido, referiuse aos pasos dados na última década para cumprir e ir á par das directrices comunitarias en canto á planificación e xestión dos residuos. En concreto, destacou a aprobación en 2010 do Plan de Xestión dos Residuos Urbanos de Galicia e en 2016, a do Plan de Residuos Industriais de Galicia (PRIGA), con vixencia ata o ano 2022.

Así, con relación á xestión dos refugallos vencellados ao sector industrial adiantou que en breve estará listo o primeiro informe de seguimento do Priga, un documento de diagnose e avaliación que apunta á existencia de 750 plantas autorizadas en Galicia para o seu tratamento e xestión e no que se conclúe tamén que o ritmo de xeración deste tipo de residuos estase desligando do crecemento económico. Así o confirma a comparativa da produción de residuos industriais en Galicia entre 2016 e 2018 (último exercicio no que se dispón de datos consolidados), constatándose que, a pesar do incremento do PIB, a Comunidade galega rexistrou unha diminución da produción de refugallos industriais.

Por último, tamén se referiu a outros dous pasos clave dados pola Xunta o ano pasado nese camiño cara a un novo modelo de economía circular, “o único modelo de futuro”, incidiu. Así, a conselleira lembrou que o círculo da sostibilidade e da xestión eficaz e moderna dos residuos tamén se plasmou na aprobación da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 e da Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030, cuxos principios inspiradores están presentes no contido da lei.

Imaxes relacionadas