A Xunta adxudica a redacción do proxecto da primeira fase da variante de Carballo

Suporá un investimento de 132.000 euros e un prazo de execución de 20 meses

Nesta fase unirase a estrada AC-552 na súa ligazón no polígono industrial coa autovía AG-55, a AC-413 e a estrada provincial dirección Santiago, estimándose o orzamento das obras nuns 15 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2020

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, vén de adxudicar a redacción do proxecto de trazado, construción e impacto ambiental da primeira fase da variante de Carballo, que se iniciará na estrada autonómica AC-552, en Bértoa.

Este contrato, adxudicado á empresa Noega Ingenieros S.L. por preto de 132.000 euros, conta cun prazo de execución de 20 meses.

Para progresar nesta infraestrutura que servirá de alternativa á estrada AC-552, a Xunta ten proxectada a súa execución en dous treitos, un desde o oeste de Carballo ata a vía provincial que leva a Compostela, e outro que é o da saída directa do polígono de Bértoa coa estrada de Ordes. O orzamento estimado das dúas fases é de preto de 28 millóns de euros.

Atendendo á xustificación técnica das fases, nesta primeira impúlsase o tramo que unirá a estrada AC-552 na súa ligazón en Bértoa coa autovía AG-55, coa estrada autonómica AC-413 que se dirixe a Ordes e coa estrada provincial DP-1914 moi utilizada para desprazamentos en dirección Santiago. O presuposto base licitación destas obras estímase nuns 15 millóns de euros.

Con esta actuación darase un servizo máis directo ao polígono de Bértoa, que xera gran parte da actividade económica de Carballo e da súa mobilidade, ademais de evitar o tránsito de mercadorías polo centro urbano de Carballo. Isto permitirá evitar a circulación dos vehículos pesados na zona do instituto Alfredo Brañas, o colexio infantil e de primaria O Fogar, a escola infantil A Ledicia e a zona do complexo deportivo.