A Xunta reforzará a Lei de museos cun 12% máis de investimento en 2021 para impulsalos como xeradores de coñecemento e riqueza

Román Rodríguez presenta no Parlamento esta norma, coa que Galicia completa a regulación das súas institucións culturais tras as bibliotecas e os arquivos

O obxectivo é potenciar o papel dos 94 museos existentes en Galicia a nivel social, investigador, pedagóxico e económico e seguir abríndoos a toda a cidadanía

Entre as principais novidades atópase a dixitalización de contidos ou a posta en marcha do Sistema Galego de Centros Museísticos para fomentar a cooperación

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, interveu hoxe no Pleno do Parlamento no debate á totalidade do Proxecto de lei de museos e outros centros museísticos de Galicia, a primeira lei galega que regulará, de forma autónoma e independente, este ámbito outorgándolle a estas institucións todo o protagonismo e a relevancia que merecen. Para iso, como anunciou, a Xunta reforzará os museos cun 12% máis de investimento en 2021 co obxectivo de impulsalos como xeradores de coñecemento e de riqueza.

O conselleiro precisou que se trata dun texto legal “de marcado carácter técnico” que nace co fin de estruturar o funcionamento das 94 institucións museísticas que existen na nosa Comunidade, unha cifra que non deixou de medrar nos últimos anos e que, antes do inicio da pandemia, sumaban xa 1,5 millóns de visitantes anuais. Neste listado figuran unha ampla tipoloxía de centros como os propios museos, as coleccións museográficas ou os centros de interpretación do patrimonio cultural, que se inclúen por primeira vez no noso ordenamento xurídico. “O texto define as súas funcións cunha perspectiva contemporánea, plural e integradora”, salientou Román Rodríguez, quen lembrou que os museos “son un instrumento fundamental para garantir o dereito de acceso á cultura nunha sociedade democrática e moderna”.

O proxecto de lei avanza na súa tramitación parlamentaria despois dun proceso de elaboración caracterizado pola súa ampla participación. De feito, é resultado das achegas públicas e privadas a través dun grupo de traballo no que estiveron representadas 50 entidades galegas de diversos ámbitos e recoñecido prestixio. “Isto permitiunos unha correcta diagnose da situación de partida e abordar con solidez os intereses e necesidades dos centros”, afirmou Román Rodríguez na súa intervención.

Melloras en organización e cooperación

A lei recolle os criterios para a creación de museos, introduce sistemas integrados de información, documentación e xestión e regula cuestións relativas aos fondos como a asignación, os depósitos ou as condicións básicas nas que deben acometerse accións de conservación ou restauración. Suporá “un antes e un despois” para “mellorar e harmonizar” a organización e potenciar a súa colaboración, outros dos piares básicos.

Con esta finalidade, unha das principais novidades é a posta en marcha do Sistema Galego de Centros Museísticos, unha estrutura organizativa e funcional para coordinar de xeito eficiente os recursos. A integración neste sistema suporá unha serie de beneficios como a participación en liñas de axudas ou iniciativas de promoción cultural e turística e a prioridade de acceso a accións colaborativas ou formativas. En paralelo, a lei prevé o desenvolvemento das Redes de Centros Museísticos, unha figura que busca fomentar a cooperación e o aproveitamento dos recursos, á que os museos poderán adherirse voluntariamente en función da súa titularidade ou temática.

Investigación, formación e desenvolvemento

O texto debatido hoxe na Cámara quere, segundo precisou Román Rodríguez, que o museos non só conserven e expoñan o noso acervo, senón que impulsen todas as súas dimensións: social, en diálogo constante co público: científica, para fomentar a investigación e unha mellor comprensión do noso pasado e presente; pedagóxica, como axentes de transmisión e difusión do coñecemento, e económica, xa que teñen un acreditado atractivo e potencial turístico que se debe continuar poñendo en valor.

Como parte do compromiso coa cultura na actual crise, o conselleiro salientou que os museos recibirán en 2021 un 12% máis de investimento. En concreto, no marco desta lei invístense 36M€ ata 2022, dos que 10M€ se dedican a programación de actividades.

Accesibilidade universal e perspectiva de xénero

A nova Lei de museos e centros museísticos avanzará tamén na accesibilidade universal e a igualdade, dado que os presenta como centros de cultura ao alcance de toda a sociedade e avoga pola non discriminación e por ter en conta as necesidades dos colectivos con maiores dificultades de inclusión. É dicir, resumiu o titular de Cultura do Goberno autonómico, “como auténticas institucións ao servizo da cidadanía”.

Neste sentido, avanzou unha notable aposta pola dixitalización, na que se están a dar bos exemplos na actual pandemia, que permita un gran paso adiante nos próximos anos, tanto na apertura e acceso aos contidos como nas tecnoloxías incorporadas, que está a ofrecer propostas de divulgación dunha cultura segura na Comunidade.

Con esta Lei de museos, Galicia completará un bloque lexislativo de ámbito cultural tras a Lei de bibliotecas aprobada en 2012 e a Lei de arquivos e documentos de 2014.

Imaxes relacionadas