Aberta a inscrición para participar nunha nova edición da competición de debate Parlamento Xove

Os centros escolares e os grupos universitarios interesados teñen de prazo ata o vindeiro 15 de xaneiro para anotarse

O tema de debate na fase clasificatoria será o seguinte: ‘Debería un Estado establecer como obrigatoria a vacinación entre a súa poboación?’

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2020

A Consellería de Política Social convoca unha nova edición do programa Parlamento Xove, que este ano chega á súa duodécima edición. Os centros escolares ou grupos universitarios interesados en participar nesta competición de debate teñen de prazo para inscribirse desde hoxe e ata o vindeiro 15 de xaneiro, para o que deberán completar o formulario dispoñible na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Nesta nova edición, o tema escollido para a fase clasificatoria é o seguinte: ‘Debería un Estado establecer como obrigatoria a vacinación entre a súa poboación?’ A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo: a favor ou en contra, en relación á cuestión formulada. Previamente ao inicio dos debates da fase clasificatoria, a Consellería organizará unhas xornadas de formación para todos os equipos participantes que o requiran.

Os premios desta edición serán unha viaxe valorada en 5.000 euros para cada un dos equipos gañadores das categorías de ESO e Bachalerato, e en 2.500 euros para o conxunto vencedor da categoría universitaria. Así mesmo, contarán cunha mención especial e cun agasallo as oradoras e oradores máis destacados e os mellores artigos de investigación en cada unha das categorías.

Máis de 2.000 participantes

Desde o seu inicio no ano 2010, neste programa de formación teñen debatido un total de 388 equipos de centros escolares galegos de ESO e Bachalerato e 14 universidades; cunha participación global de 2.014 mozas e mozos.

Con Parlamento Xove contribúese a que os estudantes melloren competencias e habilidades tan claves como a selección de información, a expresión oral e escrita, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. Ademais, este certame tamén é unha oportunidade para aprender a dialogar, a falar en público, a convencer con argumentos e, sobre todo, a escoitar.

Categorías

Nas categorías escolares (ESO e Bachalerato) poderán participar os centros educativos de 3º e 4º de Secundaria e 1º e 2º de Bachalerato. Os equipos inscritos estarán formados por catro estudantes e unha profesora ou profesor que fará as funcións de coordinación. En total poderán participar 48 equipos (24 por categoría).

O programa farase en dúas fases, unha primeira clasificatoria da que xurdirán oito equipos gañadores e que se enfrontarán posteriormente nunha fase final. Paralelamente, desenvolverase un concurso voluntario de artigos de investigación sobre o tema formulado.

Pola súa banda, na categoría universitaria poderán participar as universitarias e universitarios de grao dos sete campus das tres Universidades galegas. Nesta modalidade, que non ten fase clasificatoria, poderán participar un máximo de oito equipos e cada un deles estará formado por un mínimo de dous estudantes e un máximo de catro.

Imaxes relacionadas