Un total de 26 concellos adhírense nestes primeiros días ao convenio para que a Xunta tramite as sancións relacionadas coa covid-19 que son competencia municipal

O convenio foi asinado fai escasos días pola directora xeral de Administración Local e o presidente da Fegamp e ten como obxectivo contribuír a axilizar os procedementos e paliar a carga administrativa de moitos municipios

O Goberno galego reitera que é necesario que se cumpra o réxime sancionador, polo que nos casos que sexan competencia local, a Xunta prestará a colaboración necesaria para axudar aos concellos que carezan de medios a tramitar os expedientes sancionadores
 

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2020

Un total de 26 concellos deron traslado xa da súa adhesión ao convenio para a tramitación por parte da Xunta das sancións relacionadas coa covid-19 que son competencia municipal, despois de que o convenio fora asinado recentemente entre o Goberno galego e a Fegamp.

A Xunta prestará aos concellos que se adhiran ao convenio a asistencia técnica e material precisa para a tramitación dos procedementos sancionadores cando tal incumprimento sexa no ámbito que alcance a competencia dos concellos co obxectivo de contribuír a axilizar os procedementos e paliar a carga administrativa de moitos municipios. Os concellos que se adhiran ao presente convenio se comprometen a iniciar, instruír e resolver os procedementos sancionadores debendo remitir a Xunta de Galicia a información precisa para que esta poda executar a encomenda de xestión.

O Goberno galego está tramitando os procedementos sancionadores que son da súa competencia por referirse a cuestións puramente sanitarias, como as corentenas ou illamentos. Pero hai outros expedientes que se refiren en maior medida a competencias municipais, das que se veñen ocupando os concellos tradicionalmente. Son casos como o incumprimento de horarios, os aforos máximos ou os controis de aglomeracións de persoas.

En calquera caso, o importante é que se cumpra o réxime sancionador. Por iso, a pesares de que esta é unha competencia local, a Xunta prestará a colaboración necesaria para axudar aos concellos que carezan de medios a tramitar os expedientes sancionadores.

Polo que a Xunta encargarase da elaboración, xestión e notificación dos distintos trámites dos procedementos sancionadores derivados da covid-19. O Goberno galego disporá de unidades tramitadoras base, supervisoras e de coordinación que se encargarán da elaboración material dos trámites en auxilio técnico dos instrutores dos procedementos designados polos concellos, que se encargarán da formalización dos actos de carácter xurídico.