A Xunta baixará o prezo das peaxes de varios treitos das autoestradas autonómicas en 2021 e manterá estable o resto

As autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) continuarán a ser das máis baratas de España

Na autoestrada do Val Miñor baixará 5 céntimos un treito para vehículos lixeiros, dous para pesados de tipo 1, e sete treitos para vehículos pesados de tipo 2, mentres que o resto permanecerá estable

Na autoestrada A Coruña Carballo baixará 5 céntimos un treito para vehículos pesados de tipo 1 e cinco treitos para pesados de tipo 2

O vindeiro ano, a Xunta continuará a aplicar descontos de entre o 25 e o 50% para os usuarios frecuentes e do 50% para os que realicen as viaxes en horario nocturno

En 2021 o Goberno galego comezará a aplicar tamén bonificacións para familias numerosas nas autoestradas de titularidade autonómica

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2020

A Xunta baixará en 2021 o prezo das peaxes de varios treitos das autoestradas autonómicas e manterá estable o resto. Desa forma, as autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e a do Val Miñor (AG-57) continuarán entre as autoestradas máis baratas de España.
A partir do vindeiro 1 de xaneiro, os prezos da autoestrada que une Vigo e Baiona, a AG-57, seguirán sendo os mesmos que na actualidade para os vehículos lixeiros, agás no treito A Ramallosa-Baiona, que baixa 5 céntimos. No caso dos vehículos pesados de tipo 1, baixarán 5 céntimos as peaxes dos treitos Vigo-A Ramallosa e Vigo-Baiona. E para os vehículos pesados de tipo 2, aplicaranse rebaixas de 5 céntimos en 7 dos 11 centros da autoestrada. Naqueles treitos nos que as peaxes non baixen, permanecerán como ata agora.

No caso da autoestrada A Coruña-Carballo (AG-55) os prezos manteranse en todos os treitos para os vehículos lixeiros. Tamén será así para os vehículos pesados de tipo 1, agás no treito Paiosaco-A Laracha, que baixa 5 céntimos. Baixan, tamén, 5 céntimos, os prezos de 5 dos treitos da autoestrada para os vehículos pesados de tipo 2, mentres que o resto seguirá como ata agora.

Durante o ano 2021, a Xunta seguirá a aplicar o réxime de bonificacións de peaxe que se vén aplicando tanto para usuarios frecuentes, que realizan a viaxe de ida e volta no mesmo día, como para os que realizan as viaxes en horario nocturno.

Ademais, en 2021 comezarán a aplicarse bonificacións a usuarios que pertenzan a familias numerosas.


Bonificacións

Na actualidade, e desde o ano 2010, a Xunta bonifica as viaxes de usuarios habituais das dúas autoestradas de titularidade autonómica. Así, os días hábiles bonifícase un 25% o importe da viaxe de volta realizada no mesmo día que a ida, e o 50% da segunda viaxe de volta e posteriores sempre que se fagan tamén no mesmo día. Estes descontos son aplicables tanto a vehículos lixeiros como a pesados que empreguen a telepeaxe como medio de pago.

Ademais, desde outubro do ano 2019, aplícanse descontos do 50% ás viaxes realizadas en horario nocturno, entre as 0:00 e as 6:00 horas de mañá, aplicándose a todos os vehículos, lixeiros e pesados, que conten cun sistema de pago con telepeaxe.

En ambos casos o importe desas bonificacións descóntaselle ao cidadán e asúmeo a Xunta, repercutindo o aforro directamente nos usuarios destas autoestradas.

Ademais, ao longo do vindeiro ano, a Xunta empezará a aplicar unha nova bonificación, neste caso para familias numerosas.
 

Imaxes relacionadas