A formación do programa camiño seguro permitirá implantar os plans de continxencia en toda a ruta Xacobea

Nesta primeira quincena de decembro celebraranse un total de seis seminarios online dos que se poderán beneficiar ata 600 persoas

Dirixidos ao persoal de albergues, xestores municipais no Camiño, tecido asociativo e turístico en xeral, os webinarios son de balde e teñen aberto o seu prazo de inscrición

O obxectivo destas accións formativas e informativas é implantar de xeito correcto os plans de continxencia creados polo ICTE para minimizar os riscos de contaxio entre peregrinos e residentes de cara á celebración do Xacobeo 21
 

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2020

No marco das accións promovidas pola Xunta para garantir Galicia como destino seguro, a semana pasada comezaron a impartirse os primeiros seminarios de formación e asesoría online do programa Camiño Seguro, que acolle as últimas formacións desde o mércores ata o venres. Dirixidos ao persoal de albergues, xestores municipais implicados no Camiño de Santiago, asociacións de amigos do Camiño e profesionais do turismo e da hostalería en xeral, o obxectivo destes webinarios é garantir que toda a cadea relacionada cos servizos e acollida ao peregrino contan coa formación e as ferramentas precisas fronte a covid19.

No contexto deste programa Camiño Seguro inclúense nesta primeira quincena de decembro un total de 6 seminarios que permitirán informar, formar e asesorar a preto de 600 profesionais do ámbito do Camiño no proceso de implantación dos requisitos, recomendacións e plans de continxencia a aplicar nas diferentes etapas dos Camiños de Santiago, de cara a minimizar os riscos de contaxio do coronavirus entre visitantes e peregrinos e residentes. As formacións son de balde para os seus beneficiarios e permitirán que todos estes profesionais estean preparados para acoller aos peregrinos que cheguen a Galicia no Xacobeo 2021.

Colaboración co ICTE

O programa Camiño Seguro desenvólvese a iniciativa do Goberno galego e a través do Instituto para a Calidade Turística de España (ICTE) que foi a entidade encargada da elaboración dos manuais de boas prácticas e dos protocolos e plans de contixencia fronte á covid19. Agora o ICTE leva adiante a resolución de dúbidas e formación para aplicar nas instalacións e servizos turísticos do Camiño todas as recomendación contidas nestes plans de prevención ante a coronavirus en canto ao distanciamento e control de aforo, limpeza e desinfección, información aos peregrinos e actuacións ante casos de infección.

O obxectivo final é que os dez itinerarios do Camiño de Santiago implanten os protocolos e plans de continxencia fixados polo ICTE tanto nos espazos públicos coma nos servizos públicos e privados que se presten aos peregrinos.

Formación complementaria

Cómpre lembrar que esta formación é un paso máis no proceso de garantir un Camiño Seguro. Trátase dun programa complementario da que se levou adiante hai uns meses no marco do Plan de Formación do Sector Turístico, destinado á formación dos profesionais, incluídos os albergueiros, na aplicación dos manuais de boas prácticas fronte ao coronavirus. Toda a información relativa a estes cursos e inscricións pode consultarse na web https://www.serviguide.com/caminoseguro/.
 

Imaxes relacionadas