Gardacostas requisa máis de 2.000 quilos de distintas especies de peixe e marisco, preto de 300 útiles e máis de 8.000 metros de artes de enmalle

Os operativos máis importantes desenvolvéronse nas rías da Coruña e Ferrol, nas que os axentes requisaron preto de 370 quilos de distintas especies, 20 útiles e máis de 6.500 metros de artes de enmalle

As inspeccións en establecementos en terra tamén permitiron comisar arredor de 1.400 quilos de ameixa nunha depuradora ao carecer dos documentos que avalasen a súa trazabilidade

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2020

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron máis de 2.000 quilos de distintas especies de peixe e marisco, preto de 300 útiles e máis de 8.000 metros de artes de enmalle en diferentes controis realizados nos últimos días no litoral de Galicia. Os operativos máis importantes desenvolvéronse entre as rías da Coruña e Ferrol, onde os axentes comisaron preto de 370 quilos de distintos produtos do mar e se incautaron de 20 útiles e máis de 6.500 metros de artes de enmalle.

Nun deses controis, realizado entre Ferrol e Lorbé, os efectivos do Servizo de Gardacostas requisaron 4.400 metros de artes de enmalle por estar caladas de xeito irregular, fóra do horario permitido, e comisaron arredor de 80 quilos de centola, preto de tres quilos de pinto, 3,5 quilos de choco e 800 gramos de maragota, que foron devoltos ao mar. Mentres, noutro operativo desenvolvido entre o illote do Castelo e a enseada de Lousada, os axentes incautáronse de 400 metros de redes de enmalle, tres nasas, un fusil, un par de zocos, un saco e unha liña, ao tempo que comisaron 95 quilos de centola e medio quilo de nécora posto que estaba todo sen identificar.

Na ría de Ferrol tamén realizaron outros operativos que se saldaron con importantes incautacións. Un deles, con mergulladores do buque Ría de Vigo, permitiu requisar unha nasa, catro salabardos, 80 quilos de centola, 10 quilos de vieira, cinco quilos de nécora, dous quilos de zamburiña, dous quilos de carneiro e un quilo de ameixa babosa que estaban sen identificar e que foron devoltos ao mar. Noutro control incautáronse 800 metros de artes de enmalle e dúas nasas ao tempo que se comisaron 21 quilos de centola e sete quilos de vieira, tamén sen identificar e que foron devoltos ao mar.

A ría de Arousa foi escenario de varias actuacións que se saldaron coa retirada de 1.500 metros de artes de enmalle, cinco nasas e 185 quilos de produtos do mar. A máis importante produciuse na zona de Castiñeiras, onde os gardacostas se incautaron de 1.500 metros de artes de enmalle e cinco nasas e comisaron 145 quilos de centola, 15 quilos de choco, un quilo de abadexo e un quilo de peixe porco, todas por estar sen identificar.

Os controis realizados na ría de Muros e Noia permitiron requisar 118 útiles -entre eles 106 cacharros, que son útiles ilegais- e preto de 40 quilos de distintas especies mentres que as inspeccións na ría de Pontevedra se saldaron con 69 útiles incautados e 46 quilos comisados. Na ría de Camariñas comisáronse preto de 18 quilos de produtos do mar e incautáronse catro nasas e na ría de Vigo requisáronse 68 nasas e dous quilos de polbo.

A estes operativos por mar sumáronse outros en establecementos en terra nos que o Servizo de Gardacostas comisou preto de 1.400 quilos de peixe e marisco. A actuación máis importante produciuse nunha depuradora, onde os axentes requisaron máis de 1.350 quilos de ameixa xaponesa que carecía dos documentos que avalasen a súa trazabilidade. Os axentes levantaron a correspondente acta de infracción e trasladaron o produto para a súa destrución.

Imaxes relacionadas