A Xunta contribúe á difusión do cinema galego no seu premiado percorrido polo circuíto de festivais internacionais

A Consellería de Cultura acaba de adxudicar 24.000 euros a nove produtoras galegas a través da convocatorias de axudas para a promoción de filmes galegos seleccionados en destacados certames audiovisuais

Na listaxe de títulos subvencionados figuran as galardoadas ‘Lúa vermella’, ‘Nación’, ‘Xoves de Comadres’, ‘Longa noite’ ou ‘9 Fugas’, entre outras

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2020

A Xunta colabora economicamente na proxección exterior do cinema galego a través dunha liña específica de axudas para a súa difusión en festivais do circuíto internacional, da que este ano resultaron beneficiarias nove produtoras por un importe global de 24.000 euros. Esta contía destínase ás diferentes accións promocionais que levaron a cabo con motivo da selección en destacados certames audiovisuais de 11 das súas longas e curtametraxes, que na meirande parte dos casos contaron tamén cunha subvención autonómica para a súa produción.

Coa resolución desta convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, deuse resposta á totalidade de solicitudes que cumprían os requisitos, de xeito que −pese aos adiamentos e suspensións de certames a causa da pandemia− se apoiou a presenza do noso audiovisual en Alemaña, Holanda, Italia, México e festivais internacionais con sede en España, como os de San Sebastián, Málaga, Sevilla e Xixón.

Galicia no mapa internacional

O obxectivo é contribuír a poñer en valor o traballo de produción e creación audiovisual con selo galego, así como a situar a nosa Comunidade no mapa cinematográfico internacional. Con tal fin, a Xunta cofinancia o transporte do material de promoción específico, a contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa para a difusión dos filmes nas mostras, o desprazamento e a estadía no festival dun máximo de cinco persoas do equipo, e a tiraxe e/ou subtitulado das copias.

Neste percorrido internacional, o cine galego continúa a colleitar importantes recoñecementos, como os obtidos no festival de Málaga por Lúa vermella (Zeitun Films), de Lois Patiño, galardoada como mellor película española da sección ZonaZine, e Xoves de Comadres, pola que Noemí Chantada obtivo a Biznaga de Prata (premio do público) e a mención especial do xurado na categoría de curtametraxes.

No caso de Lúa Vermella, apoiouse tamén a súa estrea mundial na Berlinale, así como a súa participación no International Documentary Film Festival (IDFA) de Ámsterdam, onde tamén estivo a curta Os corpos, de Eloy Domínguez, con produción de Filmika Galaika. Esta empresa recibiu axuda, así mesmo, para o seu labor de promoción noutras dúas importantes citas como a de Rotterdam, onde acudiu con Longa noite, o premiado filme de Eloy Enciso; e o festival da UNAM de México, tamén con este título e con Those That at a Distance, Resemble Another, de Jessica Sarah Rinlad.

As fitas subvencionadas nesta convocatoria tiveron igualmente unha destacada presenza no Festival de Cine Europeo de Sevilla, coas estreas de Nación (Nós Produtora Cinematográfica Galega), pola que Margarita Ledo se alzou co galardón á mellor dirección de película española, e Ons (Maruxiña Film Company), de Alfonso Zarauza; así como no recente Festival Internacional de Cine de Xixón, onde 9 Fugas, de Fon Cortizo, recibiu o premio ex aequo á mellor película.

Completan a relación de títulos beneficiarios A illa das mentiras (Agallas Films), de Paula Cons, e Arima (Esnatu Zinema), de Jaione Camborda, ambas pola súa exhibición en San Sebastián, así como Hasta el cielo (Vaca Films) polo seu paso por Málaga e a Festa del Cinema di Roma.

Imaxes relacionadas