A Xunta pon en valor a colaboración coas asociacións veciñais na procura dunha mellora na calidade de vida local

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, reuníronse hoxe coa asociación de veciños Feira de Cabral que recibiu unha axuda de 16.039 euros para arranxos na cuberta e fachada

A orde de subvencións destinadas a estas organizacións estivo dotada este ano con 2,5 millóns de euros e chegou a 190 asociacións galegas

Na área de Vigo, destináronse preto de 624.000 euros a 47 entidades beneficiarias
 

Vigo, 7 de decembro de 2020

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, desprazáronse hoxe ata a asociación de veciños Feira de Cabral, para coñecer as melloras que se levaron a cabo ao abeiro da orde de axudas do Goberno galego.

Esta entidade recibiu 16.039 euros no marco das subvencións incluídas no Plan de acción comunitaria, que destinaron a arranxos na cuberta e a fachada, mediante a reposición das plaquetas, e á compra de material informático.

Durante a visita, ambas as dúas representantes puxeron en valor a colaboración coas asociacións veciñais nunha aposta clara por parte do Executivo galego na procura dunha mellora na calidade de vida local.

A orde estivo dotada este ano con 2,5 millóns de euros, o que permitiu chegar a 190 asociacións de toda Galicia. Na área de Vigo, o número de entidades beneficiarias ascende a 47, ás que se destinou case 624.000 euros.
Ademais, nos últimos cinco anos, o investimento da Xunta acadou preto de 10,5 millóns de euros destinados a financiar 978 proxectos de asociacións de veciños, de mulleres rurais e de comunidades de usuarios de augas. As axudas van dirixidas a financiar tanto obras nos locais sociais e instalacións comunitarias como á adquisición de equipamentos, así como a reparación de traídas de auga veciñais.

Sárdoma e Navia

Nos últimos días, Fernández-Tapias visitou outras dúas asociacións veciñais en Vigo, a do Carballo de Sárdoma e Emilio Crespo de Navia, que recibiron sendas axudas de 17.000 euros. No primeiro caso a organización investiu a axuda en obras de mellora e adaptabilidade da sede, así como á compra de equipamento informático.

En canto á asociación veciñal Emilio Crespo de Navia utilizaron a achega recibida para a reforma da cafetería e doutros espazos comúns de utilidade dos socios.
 

Imaxes relacionadas