O vicepresidente primeiro, a conselleira de Infraestruturas e o conselleiro de Sanidade explicaron os detalles do novo equipamento que ofrecerá asistencia sanitaria avanzada e blindará a atención a 300.000 veciños da área nas vindeiras décadas

A Xunta licita por 130 M€ as obras do Hospital Público Gran Montecelo de Pontevedra que se iniciarán en xuño e suporán máis de 2.600 empregos

Trátase dunha infraestrutura sanitaria “estratéxica” e na que se priorizou a “humanización dos espazos” que a Xunta ten o máximo interese en axilizar para poñela ao servizo dos usuarios “canto antes”

Cun prazo de execución de 42 meses construirase un novo edificio hospitalario cunha superficie de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares

A zona de basamento distribuirase en dous edificios de 5 plantas, un dianteiro para as consultas externas e outro atrás para as urxencias e o bloque cirúrxico, sobre os que se elevará un terceiro edificio que albergará a área de hospitalización

O interese “máximo” do Goberno galego de executar os traballos do novo hospital público con todas as garantías e conforme a criterios de eficiencia e calidade sanitaria levou a incrementar o orzamento inicial do contrato en 15 M€

A Xunta investirá un total de 155 millóns para dotar Pontevedra e os veciños da área dun hospital “renovado e de referencia”, xa que nunha segunda fase se reformará o edificio hospitalario actual cun investimento de 25 millóns de euros

Pontevedra, 7 de decembro de 2020

A Xunta de Galicia licitou hoxe por importe de 129,93 millóns de euros as obras de primeira fase do Hospital Público Gran Montecelo de Pontevedra que se iniciarán no vindeiro mes de xuño e que levarán asociados máis de 2.600 empregos.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto coa delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, presentaron hoxe en rolda de prensa os detalles do novo equipamento que ofrecerá asistencia sanitaria avanzada e blindará a atención de 300.000 veciños da área nas vindeiras décadas.

O Hospital Público Gran Montecelo é unha infraestrutura “estratéxica” que o Goberno galego ten o máximo interese en impulsar e axilizar para poñela ao servizo dos veciños de Pontevedra e da súa área “canto antes”.

Por iso, tras o anunciou de licitación de hoxe e tendo en conta o prazo para que as empresas presenten as súas ofertas, ata o vindeiro 11 de xaneiro, o Goberno galego levará a cabo todos os trámites administrativos necesarios -valoración das ofertas que se presenten, proceso de adxudicación, sinatura do contrato- co obxectivo de iniciar as obras no vindeiro mes de xuño.

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 42 meses, consistirán na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares. O novo edificio, que ocupará unha superficie superior os 12.500 metros cadrados, estará composto por un primeiro volume distribuído en dúas edificacións, que actuará como base dun segundo que albergará as áreas de hospitalización.

Concretamente, construirase unha zona de basamento, que estará distribuída en dous edificios de cinco plantas (nivel -1 máis 4 pisos): un edificio dianteiro, no que se situarán as consultas externas que engloban, entre outros servizos, as consultas de hematoloxía, de medicina preventiva, de cardioloxía, de dixestivo, etc.; e outro edificio traseiro onde estarán ubicadas as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios, entre outros. Sobre esa zona de basamento elevarase un terceiro bloque que se corresponde co edificio de hospitalización.

Para avanzar nesta infraestrutura sanitaria, os Orzamentos da Xunta para 2021 recollen unha partida de 13,50 millóns de euros. Segundo destacou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, o compromiso do Goberno galego con Pontevedra é algo innegable e así se ve reflectido nos últimos anos con grandes obras; “obras que deixarán unha fonda pegada no futuro da cidade, como son a estación intermodal, o edificio de Benito Corbal, o novo edificio xudicial da Parda e o Gran Montecelo que representa o símbolo máis importante destes anos de investimento histórico en Pontevedra”, sinalou. “A Pontevedra do futuro non se entenderá sen os investimentos destes anos”, incidiu Alfonso Rueda, que indicou tamén que os orzamentos para o 2021 recollen máis de 45 millóns de euros en grandes proxectos, un 38% máis que o ano pasado.

Eficiencia e calidade sanitaria, priorizando a humanización dos espazos

O interese “máximo” do Goberno galego de executar os traballos do novo hospital público con todas as garantías e conforme a criterios de eficiencia e de calidade sanitaria levou a que se incrementase o orzamento inicial do contrato en 15 millóns de euros.

A este respecto, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade salientou que nos últimos meses os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, que é a encargada da execución das obras, e os da Consellería de Sanidade, traballaron intensamente e coa máxima axilidade na revisión do proxecto para garantir a súa viabilidade e poder licitar as obras de novo canto antes.

Lembrou que “a rapidez e axilidade” en dar solución a esa situación “anómala” que se deu coa anterior licitación realizada en maio, á que só se presentou unha oferta, permitiu ter listo o novo proxecto antes de que rematase o ano, levar ao último Consello da Xunta do mes de novembro a autorización da contratación das obras e que no día de hoxe se teñan licitado os traballos por case 130 millóns de euros, 15 millóns máis que no orzamento inicial. Trátase dun investimento, segundo remarcou Ethel Vázquez, para construír sanidade pública e contribuír, ao tempo, á dinamización da economía e ao emprego, con eses máis de 2.600 postos de traballo que leva asociados.

No seu conxunto, a Xunta investirá un total de 155 millóns de euros para dotar Pontevedra e aos veciños da área dun hospital “renovado e de referencia”, o Hospital Público Gran Montecelo, xa que nunha segunda fase das obras reformarase o edificio hospitalario actual, para posteriormente executar o aparcadoiro cuberto, cun investimento de 25 millóns de euros.

O novo inmoble, do que hoxe se licitan as obras, estará unido ao resto das instalacións do hospital Montecelo e nel centralizaranse servizos como a área de urxencias, a Unidade de Coidados Intensivos, a hospitalización con ingreso ou as especialidades de maior complexidade. A atención ambulatoria prestarase nas instalacións actuais de Montecelo, aproveitando os investimentos realizados nos últimos anos para adecualas aos servizos de cirurxía maior ambulatoria, cirurxía de curta estancia, un hospital de día e diversas consultas.

Segundo detallou o conselleiro de Sanidade, unha das cuestións que máis se coidaron no deseño do Gran Montecelo é a “humanización dos espazos”, especialmente en áreas como a materno-infantil, a diálise, o hospital de día ou as áreas de oncoloxía e coidados paliativos. Nesta liña indicou que o Gran Montecelo disporá de 120 camas máis que na actualidade, onde preto do 60% dos cuartos serán individuais (fronte ao 36% actuais). Aumentarase nun 92% o número de salas e postos de urxencias, e súmanse un 49% máis de postos no Hospital de día (que pasan de 109 a 162), incluíndo, deste xeito, melloras na comodidade, na intimidade e nos espazos de esparexemento para pacientes e familiares.

A área de pediatría disporá de salas de xogos, biblioteca, escola ou cine para converter a estadía dos nenos no hospital nunha experiencia máis agradable. A carteira de servizos experimentará un impulso importante cunha nova UCI pediátrica e nova unidade de traballo, parto e recuperación do bloque obstétrico, así como unha nova área de medicina nuclear. Tamén se creará un espazo único para as unidades de endoscopia multidisciplinar e diagnóstico biolóxico, entre outras melloras.

No exterior do novo edificio reorganizarase a urbanización para dar acceso e circulación aos tráficos peonís a cuberto e rodados, públicos e privados, e primarase a calidade na integración urbana e paisaxística do novo conxunto.

Para conexión co actual hospital e cos servizos, deséñase unha malla estrutural atravesada pola rúa hospitalaria, que se concibe como espazo de acollida e acceso do hospital e disporá dun aparcadoiro en terraza en continuidade coa rúa. Ademais, construirase un novo edificio de centrais que reúna e ille os usos industriais do hospital.

O Goberno galego mantén así a aposta por mellorar a atención hospitalaria, que actualmente se presta en tres centros diferentes e fisicamente separados e afastados: o Centro de Especialidades de Mollavao, o Hospital Provincial e o Hospital Montecelo.

Coa ampliación os profesionais desenvolverán o seu traballo nun único edificio, cunha única porta de Urxencias, sen interferir na actividade asistencial do antigo edificio, co que posteriormente se realizará a conexión.

Esta distribución foi definida polos propios profesionais da sanidade pública, con achegas de 300 traballadores obtidas en 120 reunións e preto de 2.400 enquisas. Segundo resaltou o titular de Sanidade, trátase “do primeiro hospital de España feito contando cos requirimentos dos seus pacientes e usuarios”.

Coas obras de ampliación e reforma, o Gran Montecelo verá ampliada a súa capacidade para atender as necesidades asistenciais dunha poboación de 26 concellos e os seus máis de 300.000 habitantes, dos próximos 50 anos.

Imaxes relacionadas