A Xunta realizará un cribado de detección da covid-19 entre os traballadores da hostalería e do turismo

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron hoxe unha nova reunión con representantes do sector

As axudas do Plan de rescate para os hostaleiros mantéñense para os establecementos dos concellos con máis limitacións, nos que só poden abrir a terraza ao 50% e ata as 17,00 horas

Ata o día de hoxe, a Xunta recibiu preto de 36.000 de solicitudes dalgunha das tres liñas de axudas do Plan de rescate dirixido a autónomos, microempresas e hostalería

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2020

A Xunta realizará un cribado de detección da covid-19 entre os traballadores da hostalería e do turismo ao longo das próximas semanas.

Así llo trasladaron o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, a representantes do sector durante unha nova reunión por videoconferencia que se inscribe nos contactos permanentes que se están mantendo para habilitar axudas e fixar os criterios de desescalada.

Tal e como explicou o vicepresidente primeiro, o obxectivo é facer un cribado entre o persoal da hostalería e dos establecementos hoteleiros que están abertos, en coordinación coas asociacións que representan ao sector, para dar “máis seguridade” a traballadores e tamén a clientela. O obxectivo é, polo tanto, “chegar á maior parte do persoal da hostalería que está traballando”, dentro da premisa de que “canta maior seguridade sanitaria, mellor”.

Cómpre recordar que desde o pasado venres a hostalería volveu abrir en Galicia, con distintas condicións en función da situación sanitaria da zona. Así,a hostalería pode abrir ata as 17,00 horas co 50% de aforo no exterior nas condicións máis restritivas, pero pode chegar ao 50% de aforo no interior e ao 75% no exterior no escenario menos restritivo actualmente vixente.

A hostalería é un dos sectores que está resultando máis afectado polas consecuencias da pandemia de coronavirus, polo que a Xunta habilitou un amplo abano de axudas para o sector, que se están axilizando ao máximo. De feito, o vicepresidente primeiro sinalou que xa están empezando a cobrarse as axudas da liña de autónomos, a primeira en convocarse, e que se agarda que en breve comecen a chegar as das outras liñas para que “os cartos cheguen cando máis se necesitan”.

Así, xa están activos o Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e o sector hostalería. En concreto, estas liñas están dirixidas a autónomas e autónomos con e sen persoal a cargo, a microempresas e autónomos con persoal contratado e a establecementos hostaleiros pechados desde a implantación das medidas sanitarias do pasado mes de outubro. Todas as axudas son complementarias e acumulables entre si polo que, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros, as contías das axudas poderán chegar ata os 9.200 euros, cifras que sitúan a Galicia á cabeza das comunidades autónomas en canto aos apoios dispensados a este sector.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, subliñou que os establecementos hostaleiros ubicados nos concellos máis afectados co nivel máis alto de restrición -coa posibilidade de abrir soamente as terrazas ao 50% ata as 17,00 horas- poden seguir optando as axudas previstas nas tres liñas do Plan de rescate deseñado para apoiar a persoas autónomas, microempresas e, de xeito máis específico, ao sector hostaleiro. Neste último caso, a liña de axuda urxente aos establecementos pechados por normativa sanitaria adaptouse ás novas restricións e segue a contemplar como posibles beneficiarios aqueles empresarios hostaleiros a quen non se lle permita abrir o interior do local.

Ata o día de hoxe, a Xunta recibiu preto de 36.000 de solicitudes dalgunha das axudas do Plan de rescate, algo que, a xuízo de Lorenzana, reflicte o interese que estes apoios destinados a dotar de liquidez aos sectores económicos máis afectados pola pandemia, está suscitando. De ser necesario, a conselleira lembrou que a Xunta non descarta manter as axudas no próximo 2021.

Ademais, o sector da hostalería tamén ten xa á súa disposición unha convocatoria de axudas para financiar a instalación de terrazas e a adquisición de material para a recollida de comida ou envío a domicilio, ademais dunha liña de créditos con xuros baixos destinada aos sectores especialmente afectados.

Imaxes relacionadas