A Xunta inicia os traballos para a reforma da Lei de inclusión social de Galicia en colaboración coas entidades sociais

O obxectivo é adaptar a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) e as Axudas de Inclusión Social (AIS) ao novo contexto xurdido coa posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital

Simplificarase e reducirase a tramitación destas prestacións para que cheguen canto antes ás persoas perceptoras
 

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2020

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, vense de reunir coa directiva da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia) para abordar a próxima reforma da Lei de Inclusión Social, na que xa está a traballar a Administración autonómica. O obxectivo desta mellora legal é modernizar e axilizar os recursos á disposición das familias máis vulnerables, para o que se está a deseñar en estreita colaboración coas entidades e os profesionais que traballan no sector.

Arturo Parrado sinalou que redefinir a renda autonómica (Risga) e as Axudas de Inclusión Social (AIS) para adaptalas á realidade actual é unha das cuestións fundamentais que se abordarán na reforma da lei, co fin de acomodalas ao novo contexto xurdido da recente entrada en vigor do Ingreso Mínimo Vital (IMV). Así mesmo, apuntou que se aproveitará esta reforma para simplificar e reducir ao máximo a burocracia, co fin de que a tramitación destas axudas sexa o máis rápida e áxil posible.

Na xornada de traballo mantida con EAPN-Galicia a entidade expuxo as liñas fundamentais que considera deben terse en conta na futura redacción da norma. Este é o primeiro encontro que a Dirección Xeral de Inclusión Social manterá con distintos axentes sociais para coñecer as súas achegas nesta materia, coa vontade de acadar unha norma que conte coa maior participación e consenso posible.

Orzamentos 2021

Os orzamentos da Consellería de Política Social para 2021 destinan 125,5 millóns de euros para a área de inclusión, a contía máis elevada da súa historia e un 4,5% máis que este ano.

As novas contas manteñen a partida económica de 64,4 millóns de euros consignada para a Risga. Este importe permitirá cubrir as nóminas anuais de todas as persoas preceptoras desta prestación, desenvolver novos programas de inclusión e deseñar novas axudas orientadas a favorecer o acceso ao mercado laboral das persoas que perciban o IMV, unha condición que a día de hoxe non contempla a prestación estatal.

Ademais, o presuposto do vindeiro exercicio contempla un incremento do 35% das Axudas de Inclusión Social (AIS) para fogares vulnerables que teñen necesidades inmediatas, que pasa de 3,3 a 4,5 millóns de euros. A adaptación das AIS existentes á nova realidade será tamén un dos obxectivos nos que se traballará na reforma da Lei de Inclusión Social, así como a creación de axudas que favorezan o acceso ás novas tecnoloxías das persoas en situación ou risco de exclusión.
 

Imaxes relacionadas