A Xunta e o Ministerio de Ciencia e Innovación asinan o convenio do proxecto Innovaugas 4.0 para mellorar a xestión da auga e incrementar a capacidade de resposta ante o cambio climático

O proxecto, que conta cun orzamento de 7 millóns de euros, busca acadar solucións novidosas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta ás demandas dos diferentes usos da auga en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais

No marco desta iniciativa a Xunta recibiu 196 propostas para achegar solucións innovadoras á xestión da auga

Un dos retos do proxecto consiste en desenvolver un sistema integral de recompilación, procesado e interpretación de datos en tempo real que facilite a toma de decisións por parte de Augas de Galicia

A iniciativa aposta pola aplicación do modelo de economía circular no ciclo integral da auga, con especial énfase nas infraestruturas de depuración de augas residuais

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Ministerio de Ciencia e Innovación veñen de asinar o convenio que senta as bases da colaboración para o desenvolvemento do proxecto Innnovaugas 4.0 que ten como obxectivo mellorar a xestión da auga e incrementar a capacidade de resposta ante o cambio climático.

A sinatura prodúcese logo de que o Consello da Xunta autorizara a firma do convenio de colaboración o pasado 10 de xullo e unha vez que no mes de agosto Augas de Galicia licitou o servizo de apoio para o desenvolvemento do proxecto, como paso previo necesario para a sinatura do convenio.

O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento de 7 millóns de euros, dos cales 4.200.000 serán achegados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo Plurirregional de España (POPE) 2014-2020; 700.000 euros serán achegados pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e 2.100.000 euros directamente por Augas de Galicia.

O proxecto busca acadar solucións novidosas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando a consecución dos obxectivos medioambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.

O proxecto Innovaugas 4.0 concluíu xa a fase de entrevistas da consultas preliminar ao mercado, á que se presentaron un total de 196 propostas innovadoras do sector empresarial e do mundo da investigación para o desenvolvemento de solucións de xestión da auga no marco da citada iniciativa.

Esa fase de consultas preliminares iniciouse o 6 de maio cunha xornada virtual de lanzamento na que participaron máis de 350 asistentes, a maioría representantes de empresas, centros tecnolóxicos e universidades de España e internacionais, reflexo da excelente acollida que tivo o proxecto entre os axentes interesados, tanto a nivel nacional como internacional.

Esa información aportada polos participantes no proceso de consultas preliminares ao mercado constitúe a base para a confección dos pregos de contratación para executar as melloras na xestión hídrica nunha conca piloto da Demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

As solucións deberán considerar o escenario actual de cambio climático, proporcionando capacidade de resposta para adaptarse aos fenómenos naturais e anticiparse a eles.

Tamén cómpre dispor de ferramentas para a mellora da resiliencia dos sistemas de abastecemento fronte á seca co fin de predicir estas situacións con modelos meteorolóxicos, cuantificar os recursos hídricos dispoñibles e definir as reservas e o control de perdas.

As solucións tamén incluirán os mecanismos para obter sistemas de información de xestión de recursos hídricos integrada avanzada. Neste caso, é preciso desenvolver ferramentas de recompilación, procesado e interpretación de datos en tempo real a través dun sistema integral de información e a súa adaptación para o apoio á toma de decisións por parte de Augas de Galicia.

A iniciativa vincularase á economía circular, pois búscanse solucións que minimicen a pegada enerxética e o volume de produción de residuos na depuración de augas residuais a través da xestión intelixente das plantas e opcións que aumenten a circularidade do proceso de depuración coa valorización dos seus subprodutos.

Imaxes relacionadas