A Xunta somete a información pública os mapas estratéxicos de ruído da rede autonómica de estradas na provincia da Coruña

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio de inicio do procedemento que establece un prazo dun mes, a partir de mañá, para que os interesados presenten as súas suxestións

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2020

A Xunta somete a información pública os mapas estratéxicos de ruído dos grandes eixes viarios da rede autonómica de estradas de Galicia na provincia da Coruña.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio de inicio do procedemento, que establece un prazo dun mes, contado a partir de mañá, para que os interesados presenten as súas suxestións.

A normativa europea obriga a unha constante revisión e actualización, tanto da información como das medidas previstas. Neste contexto, nos últimos meses a Xunta estivo traballando na terceira fase de actualización dos mapas estratéxicos de ruído dos grandes eixes viarios da rede autonómica de estradas de Galicia, que son aqueles polos que circula un tráfico superior a 3.000.000 vehículos/ano.

O obxectivo final é con esta información identificar as afeccións e impulsar actuacións nun Plan de Acción contra o Ruído encamiñadas ao calmado do tráfico -con solucións como a limitación da velocidade, a instalación de sinalización ou semáforos e a reordenación da sección da estrada-, prevéndose tamén solucións como a renovación do firme ou a instalación de barreiras acústicas en puntos determinados.

Cómpre lembrar que a Xunta tamén someteu a información pública, o pasado 26 de outubro, os mapas estratéxicos de ruído dos grandes eixes viarios da rede autonómica de estradas nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.