Medio Ambiente abre a participación pública para a declaración das Brañas e Fragas do Alto do Gaiteiro en Mesía como espazo privado de interese natural

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se somete a participación pública a memoria deste proxecto de ámbito privado

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se somete a participación pública a memoria para a declaración das Brañas e Fragas do Alto do Gaiteiro no Concello de Mesía como Espazo Privado de Interese Natural (EPIN).

A zona proposta para EPIN ten unha extensión de 121 ha, formadas en dúas terceiras partes por prados e un terzo de superficie forestal, onde destacan os piñeiros maderables, e algún exemplar de carballeira.

Tal e como se recolle no artigo 30 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, os espazos privados de interese natural -que non están incluídos na Rede galega de espazos protexidos- son aqueles terreos de titularidade privada nos cales existan formacións naturais, especies ou hábitats de flora ou fauna silvestres dos que se considere de interese a súa protección.

Neste caso concreto, os hábitats existentes son os bosques aluviales de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (hábitat prioritario 91EO*), as carballeiras Galaico-Portuguesas (hábitat de interese comunitario 9230) e as aguas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo (hábitat de interese comunitario 3110), con múltiples setos multiespecíficos, brañas e xuncos, que soportan unha variada colección de flora e fauna.

A declaración deste espazo como EPIN será a través dunha orde, que se publicará no DOG, e tamén implicará a aprobación de normas de xestión e de conservación; polo que a responsabilidade da xestión destes espazos é responsabilidade dos promotores da declaración, que deberán ser os propietarios ou titulares dun dereito de uso dos terreos.