Galicia avanza cara a neutralidade climática ao reducir máis de medio millón de toneladas de gases de efecto invernadoiro

A Consellería de Medio Ambiente vén de publicar o informe sobre as emisións GEI relativas ao ano 2018, período no que se rexistrou a emisión de 29,81 millóns de toneladas, case dous puntos menos que no ano anterior

No Informe tamén se pon de relevo a progresiva descarbonización da economía galega, pois a redución de emisións de GEI prodúcese nun contexto onde o Produto Interior Bruto de Galicia medra en case tres puntos

Os datos sobre as emisións do sector directiva correspondentes ao 2019 mostran que as 47 industrias que participan no comercio de dereitos de emisións tamén diminuíron nun 46%, pasando dos 15,5 millóns de toneladas en 2018 aos 8,3 no pasado ano

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2019

A Xunta de Galicia elaborou unha Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 onde un dos obxectivos prioritarios era avanzar cara a neutralidade climática. Este reto está cada vez máis preto, tal e como demostra o Informe sobre as emisións de gases de efecto invernadoiro de Galicia, onde se acredita que a Comunidade galega avanza de xeito responsable cara a neutralidade climática, ao reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro nunhas 511.000 toneladas de CO2 eq.

Ao longo do ano 2018 en Galicia emitíronse 29,81 millóns de toneladas de CO2, é dicir un 1,7% menos que no ano anterior, segundo os datos facilitados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

As emisións GEI totais de Galicia por sectores indican que as industrias asociadas ao sector enerxético continúan a ser a principal fonte de emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia, representando un 39,2% do total.

Tamén destacan as achegas realizadas polo sector do transporte e da industria non enerxética (suma das emisións derivadas da combustión e dos procesos industriais), representando respectivamente un 19,5% e un 15,1% das emisións totais.

Este balance positivo, xunto co feito de que o Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia de 2018 medrou un 2,8%, evidencia unha progresiva descarbonización da nosa economía, polo que Galicia está a mellorar a súa capacidade de resposta e resiliencia contra o cambio climático.

Cómpre recordar que as emisións de gases de efecto invernadoiro teñen unha acción directa sobre o aumento da temperatura da terra e, en consecuencia, sobre o cambio climático. A loita contra este fenómeno global é un dos obxectivos prioritarios do Goberno Galego e seguirá sendo un dos principais eixos da actuación nos vindeiros anos; co fin de afianzar os resultados dos anos anteriores, onde a evolución das emisións GEI producidos en Galicia respecto do nivel de 1990 é mellor que a do conxunto do Estado.

As emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia son monitorizados por dúas fontes principais de datos, por unha banda as emisións GEI totais de Galicia, que están dispoñibles dous anos despois de que se produzan (é dicir no ano 2020 o dato máis actualizado corresponde ao ano 2018) e, por outra as emisións do sector directiva, aquelas entidades que participan no comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro, dos que se dispoñen dos datos no ano seguinte ao que se produzan.

Respecto do sector directiva en Galicia hai actualmente 47 instalacións participantes no sistema europeo de comercio de dereitos de emisión (EU ETS), cuxas emisións representaron ata o de agora aproximadamente a metade das emisións de gases de efecto invernadoiro da nosa Comunidade.

No ano 2019 as emisións por parte destes participante reduciuse un 46,5% respecto de 2018, xa que pasaron de emitir 15,5 millóns de toneladas a 8,3, é dicir as 47 instalacións industriais galegas (participantes no comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro) emitiron 7,2 millóns de toneladas de CO2 menos que no ano anterior.

Analizando a evolución destes sectores, respecto do ano anterior, todos experimentaron unha diminución nas súas emisións, sendo a xeración de enerxía eléctrica producida con combustibles fósiles o sector no que as emisións de gases de efecto invernadoiro o que presenta a maior redución, cun descenso de 6,7 Mt de CO2eq, o que representa un 63,4% menos que o ano anterior.

Imaxes relacionadas