As intervencións forman parte das tarefas que se veñen realizando nas estradas autonómicas para contribuír a previr lumes e reforzar a seguridade viaria

A Xunta inicia a vindeira semana traballos de roza e limpeza nas marxes da vía de altas prestacións que comunica Cambados e Vilagarcía de Arousa

Seguirase cos traballos en vías da provincia de Pontevedra, nas zonas do Condado-Paradanta, Vigo-Baixo Miño e Tomiño e A Guarda

Continuarán os labores iniciados na VG.-1.4, entre Cee e Sardiñeiro, ao seu paso polo municipio coruñés de Cee

Tamén continuarán as tarefas de roza en distintas estradas de Lugo: na LU-530, que comunica a cidade de Lugo e Castroverde, na LU-862, no Vicedo e Viveiro, e na vía de altas prestacións CG-2.2, en Lugo e no Corgo

Seguen tamén as actuacións en marcha nas estradas autonómicas da área de Ourense, Allariz, Celanova, O Carballiño e O Ribeiro e na Baixa Limia e Caldelas

Os traballos céntranse na retirada de especies pirófilas e nas rozas nas marxes das estradas, así como no acondicionamento das sendas para o tránsito peonil

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2020

A Xunta ten previsto iniciar a vindeira semana os traballos de roza e limpeza nas marxes da vía de altas prestacións V.G.-4.3, que comunica Cambados e Vilagarcía de Arousa.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas actuacións, tamén se seguirá avanzando nas limpezas de distintas vías autonómicas da provincia de Pontevedra, nas zonas do Condado-Paradanta e Vigo-Baixo Miño, así como na vía de alta capacidade C.G.- 4.2, en Tomiño e na Guarda.

Continuarán, ademais, os labores iniciados na VG.-1.4, entre Cee e Sardiñeiro, ao seu paso polo municipio coruñés de Cee. Tamén seguirán estas tarefas nas estradas de Lugo: LU-530, que comunica a cidade de Lugo e Castroverde, na LU-862, no Vicedo e Viveiro; e na vía de altas prestacións CG-2.2, en Lugo e no Corgo.

Proseguirán as actuacións en marcha nas estradas autonómicas da área de Ourense, Allariz, Celanova, O Carballiño e O Ribeiro; e nas zona da Baixa Limia e Caldelas.

As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

Imaxes relacionadas