A Xunta aposta pola sostibilidade e unha xestión forestal responsable nos aproveitamentos de madeira que se levan a cabo en Galicia

Medio Rural vén de incluír nas declaracións responsables e autorizacións dos aproveitamentos o cálculo do carbono absorbido, na idea da neutralidade climática establecida no Pacto Verde e na Estratexia Forestal Europea

Así mesmo, como os terreos deben estar rexenerados nun máximo de dous anos dende a corta da madeira, garántese o mantemento da biodiversidade e un bo manexo do monte, ambos obxectivos do Plan Forestal de Galicia
 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2020

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, vén de incorporar novas informacións nas declaracións responsables e autorizacións de aproveitamentos de madeira que se levan a cabo en Galicia, co obxectivo de concienciar aos propietarios e xestores do monte cara ás ideas da neutralidade climática e a deforestación cero que establecen o Pacto Verde e a Estratexia Forestal Europea.

Así, por unha banda, a aplicación mediante a que se solicitan estes aproveitamentos calcula agora as toneladas de carbono absorbidas pola plantación, afondando na tese de que os bosques son secuestradores masivos do CO2 que se emite á atmosfera. Por outra, e toda vez que existe unha obriga lexislativa en Galicia que establece que -agás cambios de uso ou actividade- os terreos forestais deberán estar rexenerados nun prazo máximo de dous anos dende o aproveitamento, garántese tamén que non haberá deforestación. Deste xeito, esta catalogación como “produto libre de deforestación” sae tamén reflectida nas autorizacións ou declaracións responsables dos aproveitamentos de madeira que se efectúan de xeito telemático.

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, está a incidir de xeito continuado na sostibilidade, no mantemento da biodiversidade e nunha xestión responsable do monte, todos eles obxectivos do Plan Forestal de Galicia que entrará en vigor no primeiro semestre de 2021. Nesa dirección apunta tamén o texto actual da nova Estratexia Forestal Europea, afirmando que os bosques xestionados de forma sostible non só fixan o carbono mellor que os non xestionados, senón que tamén reducen as emisións á atmosfera e a deterioración dos ecosistemas. Así, sinala que a xestión sostible dos montes supón un impacto positivo para o clima, nunha sociedade que camiña cada vez máis cara á economía verde, no contexto da bioeconomía, a descarbonización e a economía circular.

Así mesmo, a Estratexia fai fincapé no papel fundamental dos bosques na consecución dos obxectivos do Pacto Verde Europeo e para acadar a neutralidade climática en 2050, destacando que capturan máis do 10% das emisións de gases de efecto invernadoiro da Unión Europea. Nesa liña, o documento avoga -entre outras- por garantir a continuidade dos investimentos en tecnoloxías modernas e en medidas ambientais e climáticas que reforcen o papel multifuncional que desempeñan os montes.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural