O Igape duplicará en 2021 a súa capacidade para apoiar o tecido produtivo galego na recuperación económica e na súa transformación

O director do Igape, Fernando Guldrís, compareceu esta tarde na Comisión 3º do Parlamento galego para explicar as principais liñas do orzamento do próximo ano

A transformación industrial e empresarial, a internacionalización e o fomento da competitividade serán os principais eixes de actuación

Triplícase o apoio ao financiamento para facilitar a actividade económica e industrial

A nova Unidade de proxectos tractores que se encarga da xestión operativa e da tramitación das iniciativas que tratan de optar aos fondos europeos Next Generation dependerá do Igape

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2020

O director do Igape, Fernando Guldrís, presentou esta tarde, no Parlamento galego, as directrices dos orzamentos para 2021 do departamento que dirixe. En total o Igape contará con máis de 262,5 M€ -o dobre que en 2020- para dotar ás empresas galegas das ferramentas necesarias para manter o emprego e sentar as bases dun crecemento económico sostido no tempo.

Guldrís explicou que con estes orzamentos búscase facer fronte ás consecuencias económicas da pandemia e seguir adiante coa transformación e modernización industrial e empresarial de Galicia, apostando por un modelo con capacidade para afrontar as dificultades pero tamén para identificar e aproveitar novas oportunidades. Deste xeito, o Igape apoiará sectores estratéxicos, pero tamén novos sectores que apostan pola dixitalización, a tecnoloxía e a innovación, ademais da internacionalización e a mellora da competitividade.

O Igape reservará 187 M€ á transformación industrial e empresarial de Galicia a través do apoio ao seu financiamento, que se multiplica por tres con respecto ao actual orzamento. Neste eido destacan dous novos fondos financeiros con 60 M€ coordinados por XesGalicia para apoiar grandes proxectos con efecto tractor sobre pemes e autónomos, así como a transformación do tecido produtivo, co foco posto nos sectores que precisen reinventarse; activaranse préstamos por 32 M€ e destinaranse 17,2 M€ para apoiar o investimento produtivo a fondo perdido.

A internacionalización será outro dos obxectivos do orzamento, para o que se reservan máis de 13 M€ con especial atención a aproveitar as vantaxes da dixitalización nas vendas ao exterior e novos programas para a implantación de canais comerciais colaborativos ou para apoiar o acceso das empresas galegas a licitacións internacionais.

Outro dos eixes será o fomento da competitividade, ao que se destinarán 50 M€ para impulsar ferramentas que permitan ao tecido empresarial mellorar as súas capacidades competitivas, reforzando os centros de fabricación avanzada, apoiando proxectos de dixitalización nas pemes, e novos programas como os servizos de asesoramento do ReAcciona+; a iniciativa Green Economy de acompañamento á economía circular; as axudas para a adaptación tecnolóxica e de material á nova situación provocada tras a covid-19; incentivos para investimentos no sector loxístico; así como apoio aos emprendedores.

O orzamento do Igape tamén terá en conta o marco dos fondos europeos Next Generation para a atracción de novos proxectos e a captación de financiamento. Neste sentido, o Igape conta coa nova Unidade de proxectos tractores que se encarga da xestión operativa e da tramitación das iniciativas.

Imaxes relacionadas