Luisa Piñeiro anuncia que a Xunta superará o próximo ano os 45 M€ de investimentos en Pontevedra que aparecen recollidos nos Orzamentos 2021

A delegada realiza unha visita institucional ao municipio e reúnese co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para abordar o estado dos temas de interese para a cidade analizados previamente co presidente da Xunta

A representante autonómica explica que os orzamentos “son a folla de ruta das cuestións estratéxicas, protagonizadas polo Gran Montecelo e a mobilidade, pero haberá máis obras e servizos aínda non especificados”

Pontevedra, 4 de decembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, anunciou hoxe que o Goberno galego vai superar o próximo ano a cifra de 45 millóns de euros de investimentos no Concello de Pontevedra que aparece recollida no proxecto de Orzamentos 2021.

“A previsión de contas autonómica é unha folla de ruta, moi importante, das cuestións estratéxicas e creo que amosan un gran compromiso da Xunta de Galicia coas necesidades dos pontevedreses, que o próximo ano estarán protagonizadas especialmente polo comezo das obras do Hospital Gran Montecelo e polo saneamento da ría, pero reitero que é un documento de partida que vai ser claramente superado e Pontevedra beneficiarase de máis investimentos que os 45 millóns fixados e comprometidos”, detallou a representante autonómica.

Neste senso, Luisa Piñeiro explicou que todos os anos o Concello de Pontevedra “recibe máis actuacións, infraestruturas e servizos” que os contemplados previamente nos orzamentos autonómicos e puxo como exemplo, só nos últimos dous meses, a restauración da basílica de Santa María, a adxudicación de terreos para cooperativas de vivendas en Valdecorvos ou a mellora do firme en estradas de conexión da cidade coa súa periferia, como a PO-513, a PO-223 ou a PO-224, entre outras.

A delegada territorial detallou estes plans tras realizar unha visita institucional ao Concello de Pontevedra e manter unha reunión de traballo co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, con quen compartiu, ao igual que co resto da corporación, un triste minuto de silencio polo asasinato de Soledad Rey nun crime machista en Gondomar. Luisa Piñeiro ía participar na concentración convocada á mesma hora diante do edificio territorial da Xunta en Campolongo, pero decidiu manter a visita institucional en Pontevedra e propúxolle ao Concello compartir esta manifestación de dor e condena.

En canto ao restante contido da reunión co rexedor pontevedrés, repasouse o estado dos grandes proxectos para a cidade que xa foran abordados hai algunhas semanas co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e que experimentaron algún cambio no caso do Gran Montecelo, cuxa licitación xa foi autorizada polo Consello da Xunta por 130 millóns de euros e que se atopa ás portas da convocatoria do concurso público.

Sobre a mesa tamén estiveron as actuacións, para o vindeiro ano, orientadas ao remate da Estación Intermodal, a implantación do servizo do Transporte Metropolitano ou as distintas alternativas para a construción da variante de Alba, sobre a que se buscará un trazado acaído e se consensuará un acordo entre os servizos técnicos de ambas administracións.

“Creo que foi unha reunión moi positiva, que servíu de presentación e na que me puxen a disposición das necesidades do Concello de Pontevedra e na que tamén quedou claro que hai un clima de entendemento, de colaboración e respecto institucional entre a Xunta e a administración local que é o que demandan os cidadáns, que son a quen nos debemos”, manifestou Piñeiro, que agradeceu a acollida a recepción por parte do alcalde.

Finalmente, reiterou que a Xunta de Galicia ten un “compromiso absoluto” con Pontevedra, que sempre atenderá e analizará as demandas do Concello e que actuará “na defensa dos intereses xerais dos pontevedreses e co máximo esforzo para despregar todas as infraestruturas e servizos que melloren a súa calidade de vida”.

Imaxes relacionadas