A Xunta aposta pola participación das rexións europeas na execución dos fondos de recuperación

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión virtual da Comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións

Durante o encontro, os integrantes de CIVEX intercambiaron puntos de vista sobre as experiencia e leccións extraídas polas rexións e cidades durante a xestión de crise provocada pola pandemia

Bruxelas, 4 de decembro de 2020

O director de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou hoxe a Galicia na quinta reunión do ano da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións, no que reinvindicou a participación das rexións europeas na execución dos fondos de recuperación.

Nesta liña, defendeu que o paquete de recuperación da UE sexa sensible ás rexións e estea baseado en indicadores que teñan en conta a exposición, a vulnerabilidade e a perda de ingresos en cada rexión. “É necesario ter en conta a dependencia de certos sectores produtivos, como o turismo, o comercio e o transporte transfronteirizo, a pesca ou o impacto sobre as pemes”, destacou.

Entre os debates abordados no encontro virtual figuran un sobre a integración da mocidade migrante a través do fomento de solucións locais e o proxecto de ditame relativo ás “Experiencias e leccións extraídas polas rexións e cidades durante a crise da covid-19”. Un debate no que Jesús Gamallo interviu para explicar a experiencia galega de xestión durante a crise da covid-19 e os retos aos que se enfrontou a comunidade, como o prexuízo que a paralización da libre circulación supuxo para rexións transfronteirizas, aludindo de maneira especial a Galicia e o Norte de Portugal.

Ademais, os integrantes de CIVEX debateron sobre o Novo Pacto de Migración e Asilo co director de Migración da Comisión Europea, Michael Shotter. Unha boa parte dos asistentes manifestaron a súa preocupación por que os Estados da UE con fronteiras exteriores sexan de novo os principais responsables da chegada e do rexistro, polo que solicitaron unha solución a longo prazo, a rápida distribución dos solicitantes de asilo entre os Estados membros e unha maior participación por parte da nova Axencia de Asilo da Unión Europea.

A comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións representa aos entes locais e rexionais da Unión Europea, asesorando sobre aquelas políticas e lexislacións que teñen un impacto directo sobre eles. Galicia conta cun membro titular e un suplente nesta asemblea política composta por 329 membros e os seus respectivos suplentes. No actual mandato 2020- 2025, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores ( CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía activa, entre outros.

Imaxes relacionadas