A Xunta achega ás pemes as aplicacións das tecnoloxías 4.0 para reforzar a competitividade no novo contexto económico

O director do Igape, Fernando Guldrís, asistiu hoxe ao último dos encontros dixitais sobre tecnoloxías emerxentes organizados en colaboración coa Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga), centrado na fabricación aditiva

Nas xornadas realizadas, expertos de centros tecnolóxicos e compañías mostraron o potencial da 5G, a automatización e a robótica colaborativa, a intelixencia artificial, a xestión da enerxía e a economía circular e a interacción persoa-máquina

Forman parte das iniciativas contempladas no convenio Oportunidades Industria 4.0 asinado polo Goberno galego e Atiga para impulsar o proceso de implantación da nova industria e a fábrica intelixente entre o tecido produtivo
 

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2020

O director do Igape, Fernando Guldrís, destacou hoxe en Santiago, durante a clausura do ciclo de encontros dixitais Tecnoloxías 4.0: aplicacións punteiras en sectores estratéxicos, que esas ferramentas son fundamentais para manter e incrementar a competitividade no novo contexto económico actual. Foi no último dos webinarios programados pola Xunta e a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga) para achegar as aplicacións das tecnolóxicas ás pemes galegas.

Nos seis encontros semanais, que se ofreceron en liña e nos que as persoas asistentes expuxeron as súas dúbidas, expertos dos centros tecnolóxicos e compañías explicaron as aplicacións punteiras destas tecnoloxías a nivel mundial, tanto as xa existentes como as potenciais, con enfoques dirixidos a cada sector.

Así, na xornada de hoxe técnicos do centro Aimen e responsables das empresas Lupeon e Unimate Robótica deron as claves do potencial da fabricación aditiva ou impresión 3D. Nos anteriores encontros, especialistas doutros organismos e empresas mostraron as oportunidades que a 5G, a automatización e a robótica colaborativa, a intelixencia artificial, a xestión da enerxía e a economía circular, e a interacción persoa-máquina ofrecen ao tecido produtivo galego para avanzar cara a Industria 4.0 e a dixitalización.

O director do Igape resaltou os resultados da colaboración entre todos os actores que integran o sistema produtivo e de coñecemento galegos no impulso á implantación das novas tecnoloxías e agradeceu o traballo que levan a cabo os centros tecnóloxicos, de detección das necesidades do tecido industrial e de propostas de avance na I+D+i.

Nese sentido, Guldrís lembrou que o ciclo de encontros que hoxe rematou é unha das iniciativas que se están a desenvolver desde 2016 ao abeiro do convenio de colaboración Oportunidades Industria 4.0 para as empresas galegas, asinado pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e Atiga, xunto cos centros que a integran. Así, os webinarios achegaron as conclusións prácticas do último traballo de análise sobre tecnoloxías emerxentes que se vén de realizar no marco deste acordo.

Renovado a comezos deste ano, este convenio ten como obxectivo analizar o nivel de implantación das novas tecnoloxías nos diferentes sectores económicos e propoñer estratexias e medidas que impulsen o aproveitamento das oportunidades que ofrecen para incrementar a competitividade das pemes. Como resultado da primeira fase de estudo, en 2018 o Igape e Atiga publicaron as conclusións da análise das necesidades e o potencial de mellora asociado á incorporación de tecnoloxías 4.0 no tecido empresarial galego.

Este investigación ofreceu ás pemes un diagnóstico detallado por sectores produtivos e tipos de tecnoloxías sobre as melloras que ofrecían na competitividade grazas a optimización da produción, a xeración de novos produtos e servizos ao cliente e de novos modelos de negocio, ademais de avances na cualificación das persoas e equipos de traballo. Ademais, describía os investimentos en tecnoloxías 4.0 que as empresas galegas prevían acometer.
 

Imaxes relacionadas