A Xunta salienta a contribución da frota galega á busca de mellores fórmulas de xestión dos caladoiros e de protección dos recursos

A Consellería do Mar subliña o importante labor realizado polos armadores en aspectos como a selectividade das artes de pesca, a protección dos ecosistemas mariños vulnerables, na mellora da trazabilidade a bordo e na análise do impacto socioeconómico da actividade

A directora xeral de Pesca lembra a necesidade de colaboración entre o sector, os científicos e a Administración para avanzar nunha xestión sustentable dos recursos que impulse a competitividade e a rendibilidade da frota
 

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2020

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, salientou hoxe a aportación da frota pesqueira galega na busca de mellores fórmulas de xestión dos caladoiros e o importante labor científico que realiza ao elaborar estudos e traballos sobre o estado dos distintos recursos cos que contribuír a acertar na toma de decisións.

A representante da Consellería do Mar destacou durante a inauguración da III Xornada de Divulgación de Investigación Pesqueira, organizada pola Cooperativa de Armadores de Buques de Pesca de Vigo (ARVI), as accións desenvolvidas polo sector no eido da selectividade das artes de pesca, na protección dos ecosistemas mariños vulnerables, na mellora da trazabilidade a bordo ou na análise do impacto socioeconómico da actividade extractiva, con centos de empresas e milleiros de traballadores dependentes dela.

Por iso, Mercedes Rodríguez agradeceu a contribución de ARVI á mellora da xestión pesqueira e a dar a coñecer as novidades existentes neste ámbito coa celebración desta xornada e lembrou a importancia da colaboración entre a frota pesqueira e os científicos para avanzar na xestión dos recursos. Esa cooperación e consenso entre as dúas partes xunto coa Administración, incidiu a directora xeral de Pesca, favorece a toma de decisións sobre os caladoiros aceptadas e avaladas por todos os axentes implicados.

Ademais esta unión e unidade de acción, engadiu a representante da Xunta, permiten velar polos recursos pesqueiros e polos profesionais do mar, impulsando a competitividade da frota, elevan a cooperación e aportan estabilidade a longo prazo nas augas de interese para o sector pesqueiro galego.

Nese obxectivo, incidiu Mercedes Rodríguez, é fundamental contar con máis e mellores datos que permitan protexer e conservar os recursos e lograr así que a súa xestión redunde nunha maior competitividade e rendibilidade da frota pesqueira, contribuíndo así á sustentabilidade da actividade de cara ao futuro. Para logralo, subliñou, é transcendental unha colaboración estreita entre a tripla hélice conformada polos científicos, o sector pesqueiro e a Administración.

Encontro do sector

Esta é a terceira edición destas xornadas e nela abordaranse distintos aspectos como a selectividade das artes de arrastre en augas de Gran Sol, a trazabilidade a bordo dos produtos do mar, o impacto da obriga de desembarque no día a día da frota ou o seguimento da actividade extractiva e a protección dos ecosistemas vulnerables, entre outros asuntos.