O presidente da Xunta participou no acto de entrega das acreditacións a centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia

Galicia fortalece o sistema científico incrementando ata os preto de 18M€ o investimento aos 8 centros de investigación acreditados das tres universidades galegas

Feijóo avanza que a Xunta está a traballar na marca CIGUS como selo identificativo dos centros de investigación galegos, que permita proxectar Galicia como referente no eido científico e investigador

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o fortalecemento do sistema científico incrementando ata os preto de 18 millóns de euros o investimento aos 8 centros de investigación acreditados das tres universidades galegas: o Ciqus, o Cimus, o Citius e o Igfae, da Universidade de Santiago de Compostela; o atlanTIC, o Cinbio e o Cim, da Universidade de Vigo; e o Citic, da Universidade da Coruña.

Durante o acto de entrega das acreditacións a centros de investigación do sistema universitario galego, Feijóo subliñou que os oito centros distinguidos terán garantido este financiamento para un período de tres anos, é dicir, ata 2022.

Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego recordou que con estas acreditacións aspírase a consolidar un sistema científico máis competitivo, tanto a nivel estatal como europeo, co obxectivo de atraer e manter talento investigador e mellorar a posición das universidades galegas nos ránkings internacionais.

Feijóo aproveitou o acto para destacar os traballados que están a desenvolver estes centros, en eidos como a intelixencia artificial, o Big Data, as tecnoloxías de telecomunicación, a investigación nuclear, a I+D+i vencellada ao sector do mar, así como a investigación en áreas médicas como o xenoma do cancro, a loita contra a covid-19.

O responsable do Executivo autonómico avanzou tamén que a Administración galega está a traballar na marca CIGUS (Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego) como selo identificativo dos centros de investigación galegos, que permita proxectar Galicia como referente no eido científico e investigador. Non en van, só tres comunidades contan cun selo para posicionar os seus centros: Cataluña (centros CERCA), País Vasco (centros GUNE) e Madrid (centros IMDEA).

 

Feijóo concluíu afirmando que a Xunta seguirá impulsando a investigación das universidades galegas e aos seus profesionais. Ao respecto, referiuse a modo de exemplo: ao programa de formación e retención de persoal investigador, dotado con 18 millóns de euros; ou ao programa de atracción e retención de talento, cun orzamento de 5 millóns, para incorporar 15 investigadores cunha traxectoria internacional.

Nesta mesma liña, recordou que Galicia é a terceira Comunidade Autónoma en maior porcentaxe de financiamento universitario en relación ao PIB. “E seguimos tamén impulsando proxectos como o Edificio Fontán, que estará rematado na primavera do vindeiro ano”, concluíu.

Imaxes relacionadas