Pontevedra acolle un seminario online para resolver as dúbidas e axilizar as solicitudes das axudas do Plan de Rescate da Xunta

Promovido por Turismo de Galicia en colaboración coa Consellería de Emprego e o IGAPE, a xornada enmárcase no conxunto dos webinars que se están a celebrar nas catro provincias

A delegada territorial da Xunta, Luisa Piñeiro, destaca que o Goberno galego “amosa o seu compromiso cos sectores afectados pola crise sanitaria e aporta 84 millóns para manter o emprego e a actividade económica”

As axudas lanzadas para autónomos con e sen empregados, microempresas e sector da hostalería teñen aberto prazo de solicitude ata o vindeiro 28 de decembro

Hoxe publícanse no DOG os apoios de ata 20.000 euros para facilitar a instalación e mellora de terrazas e as vendas a domicilio na hostalería

Pontevedra, 3 de decembro de 2020

Co obxectivo de informar e axudar aos potenciais beneficiarios do Plan de Rescate da Xunta de Galicia no proceso de solicitude das diferentes liñas abertas, a delegación territorial da Xunta en Pontevedra, en colaboración con Turismo de Galicia, a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Consellería de Emprego e Igualdade, celebrou hoxe un seminario online informativo no marco da programación de webinars que se están a desenvolver nas catro provincias entre o 2 e o 7 de decembro.

O webinar que se celebrou en Pontevedra contou coa participación da delegada territorial, Luisa Piñeiro, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a Directora Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, técnicos do IGAPE e César Sánchez-Ballesteros, en representación do Clúster de Turismo de Galicia. Orientado aos sectores afectados polo peche derivado das normativas de seguridade sanitaria, o seminario permitiu resolver dúbidas e achegar a información de xeito máis eficaz e directo, facilitando así que os beneficiarios poidan acceder de xeito máis rápido, grazas tamén a unha tramitación áxil.

Neste sentido, Luisa Piñeiro destacou que este plan contribúe ao mantemento do emprego e da actividade económica de autónomos e micropemes da provincia, apoiando de xeito específico a actividade dos establecementos da hostalaría afectados polos peches recomendados polas autoridades sanitarias. “Creo que a Xunta demostra o seu compromiso cos sectores afectados pola crise sanitaria, xa que aporta 84 millóns de euros para tratar de garantir o seu futuro, que é o de Galicia, é o de todos”, detallou.

Axudas complementarias

As tres liñas de axuda que conforman o Plan de Rescate autonómico están dirixidas a autónomos, micropemes e sector da hostalaría, que poderán solicitar os apoios ata o vindeiro 18 de decembro, no caso da liña de autónomos, e ata o 28 de decembro no das microempresas e establecementos hostaleiros afectados polos peches desde o pasado outubro.

No caso das axudas a microempresas ou traballadores autónomos con persoal contratado e dotada con 37 millóns de euros, a contía da axuda é de 4.000€ para todos os sectores e de 5.000€ para as actividades económicas especialmente paralizadas (lecer nocturno, atraccións de feiras, transporte, axencias de viaxes, cines ou comidas para eventos, entre as principais).

A liña creada de xeito específico para a hostalería e dotada con 17 millóns de euros, permitirá conceder a cada establecemento axudas de 1.500 euros ao mes que, no caso de empresas con 10 ou máis traballadores, serán de 2.000 euros ao mes.

A terceira liña, activa xa desde o pasado 18 de novembro e dotada con 30 millóns de euros, suporá unha aportación única de 1.200 euros en xeral e de 2.000 euros para as actividades especialmente paralizadas.

Todas as axudas son complementarias e acumulables entre si polo que, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros, por exemplo, as contías das axudas poderán oscilar entre os 6.700 euros até os 9.200 euros, cifras que sitúan a Galicia á cabeza das comunidades autónomas en canto aos apoios dispensados a este sector.

Coa posta en marcha deste Plan de Rescate, deseñado en colaboración cos colectivos profesionais e sectoriais, a Xunta pretende aportar liquidez aos empresarios das actividades máis afectadas pola pandemia, en especial aos establecementos hostaleiros nos concellos que, no peor dos casos, están inactivos desde o pasado mes de outubro.

Ademais, hoxe publícanse no Diario Oficial de Galicia as axudas directas para terrazas e envío a domicilio por importe de 3 millóns de euros, con axudas entre 1.200 e 20.000 euros, para que restaurantes e cafeterías poidan adecuar os seus espazos exteriores e adquirir elementos de envasado de comida e bebida para a entrega a domicilio ou a recollida no local.

Tamén está en marcha unha liña de préstamos directos mediante créditos de entre 3.000 e 500.000 euros por negocio para axudar aos sectores que teñen máis dificultades para acceder ao financiamento privado, como o ocio nocturno e a hostalaría, a industria cultural, as orquestras, a economía social, o comercio estacional e as feiras. Trátase de préstamos con xuros baixos (próximos ao 0%) que se poderán amortizar en sete anos, incluíndo ata tres de carencia.

Imaxes relacionadas