Xunta e federacións deportivas traballan na distribución do orzamento para 2021 que sobe nun 28,5%

José Ramón Lete Lasa, mantivo na mañá de hoxe unha xuntanza cos representantes das 58 federacións deportivas de Galicia na que se abordaron os principais temas con respecto a vindeira anualidade de 2021

Anuncia tamén cambios nas convocatorias de axudas para que as federacións, clubs e entidades poidan sufragar gastos orixinados pola pandemia

Santiago, 3 de decembro de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo na mañá de hoxe unha xuntanza cos representantes das 58 federacións deportivas de Galicia na que se abordaron os principais temas con respecto a vindeira anualidade de 2021. Un ano no que a Secretaría Xeral para o Deporte contará cun orzamento total duns 32.508.729 euros, o que representa un incremento do 28,5%.

Neste sentido, o mandatario galego presentou ante os responsables das federacións o borrador de criterios para a asignación das contías dos convenios de colaboración para o ano 21 que terán aproximadamente a mesma contía que no ano 2020 (4,4 millóns de euros), o que representa un logro contando que a actividade deportiva non se atopa recuperada totalmente. Ademais, o secretario xeral anunciou que, como xa ocorreu no presente exercicio, agárdase que estes convenios poidan ser sufragados no mes de marzo, grazas a súa tramitación por anticipado.

Asemade, Lete Lasa informou ás federacións sobre as convocatorias que estarán dispoñibles para 2021 apuntando que a convocatoria a clubs e entidades contará cunha liña para gastos de desenvolvemento da actividade deportiva ordinaria cun importe de 1,9 millóns de euros e unha liña de actuación para gastos orixinados pola pandemia cun orzamento de 2 millóns de euros.

Do mesmo xeito, o secretario xeral comunicou que se mantén a convocatoria de axudas para a adquisición de equipamentos deportivos, dotada de 700.000 euros. Esta liña de axudas tamén prevé a adquisición do material sanitario inventariable para a prevención da covid-19 (mamparas, dispensadores de xel, termómetros...).

Por último, Lete Lasa recordou que o plan de auditorías 2021-2024 segue o seu curso habitual e neste ano 2021 será a quenda das federacións de actividades subacuáticas, aeronáutica, atletismo, automobilismo, bádminton, baloncesto, balonmán, ciclismo, esquí náutico, fútbol, judo, loita, montañismo, natación, piragüismo, remo, taekwondo, tenis, tríatlon e vela.

Imaxes relacionadas