A Xunta sinala que o deseño biofílico representa unha oportunidade para a industria forestal

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou no webinario sobre a importancia da biofilia organizado polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia e o Clúster da Saúde de Galicia

O Goberno galego aposta por impulsar a transición ecolóxica e un mellor aproveitamento dos recursos naturais como a madeira

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2020

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta tarde na inauguración do webinario sobre a importancia da biofilia organizado polos clústers da Madeira e o Deseño e da Saúde de Galicia, onde se presentou o manual Lugares públicos de estancia con carácter biofílico.

Na súa intervención, o director destacou que o deseño biofílico representa unha oportunidade para o desenvolvemento da industria forestal galega xa que a madeira, como elemento natural, é un recurso esencial neste eido. Trátase dun concepto relativamente novidoso que afonda na relación entre o uso de materiais naturais no deseño e a arquitectura con beneficios na saúde, benestar e confort das persoas. Por iso aposta por espazos abertos, variables, e verdes con presenza de plantas, auga, terra, pedra e madeira.

Neste sentido, a Xunta traballa por promover o uso da madeira en espazos públicos, centros sanitarios ou escolas infantís, como xa fixo cos proxectos da Galiña Azul da Estrada, o PAC da Laracha ou o centro de saúde do Porriño, entre outros.

Neste obxectivo de apoiar a transición ecolóxica e facer un mellor aproveitamento dos recursos naturais, como a madeira, o orzamento de Xera medrará un 70% en 2021 para desenvolver iniciativas que fomenten a construción en madeira, así como procesos de dixitalización e trazabilidade da madeira certificada e os equipamentos e actividades do CIS Madeira.

Imaxes relacionadas