O presidente da Xunta mantivo hoxe unha videoconferencia con representantes do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi-Galicia), co gallo do Día da discapacidade

Feijóo salienta o incremento en 2021 dos fondos para atención á discapacidade con 126 M€ para consolidar a Galicia das oportunidades

Precisa que esta achega permitirá a creación de oito novas unidades de atención temperá, ata chegar a un total de 35; e a posta en marcha do concerto social para os centros de atención á discapacidade

Subliña que en 2021 a Xunta contará con 9,3 millóns de euros para colaborar co tecido social da discapacidade e seguir traballando xuntos

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o incremento en 2021 dos fondos para a atención á discapacidade, un 10% máis que en 2020: 126 millóns de euros para consolidar a Galicia das oportunidades.

Máis polo miúdo, precisou que esta achega permitirá a creación de oito novas unidades de atención temperá, ata chegar a un total de 35; a posta en marcha do concerto social para os centros de atención á discapacidade; e poder contar con 9,3 millóns de euros para colaborar co tecido social da discapacidade “e seguir traballando xuntos”.

Durante unha videoconferencia con representantes do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi-Galicia), co gallo do Día da discapacidade, Feijóo aseverou que o exemplo das entidades sociais, dos profesionais e das familias é o mellor estímulo para que as Administracións públicas sigan a traballar a prol dunha Galicia máis inclusiva e, polo tanto, máis xusta.

Nesta liña, avogou por seguir creando oportunidades adaptadas e novos espazos, “para que, sexan cales sexan as nosas características, poidamos brillar”; por seguir especializando os apoios, para que cada persoa reciba o acompañamento que necesita; e por continuar traballando cara á accesibilidade universal e a igualdade plena.

Ao respecto destacou a aprobación hoxe, no Consello da Xunta, da OEP para o ano 2020 da Administración Xeral cunha reserva de prazas para persoas con discapacidade que acada o 13,7% nas prazas de acceso libre, un 3,4% máis que na oferta de 2019.

O presidente do Goberno galego aproveitou o acto para homenaxear aos profesionais que traballan cada día para facer de Galicia unha terra máis accesible e inclusiva. E resaltou que durante a pandemia as entidades de atención á discapacidade estiveron sempre á disposición das persoas con discapacidade e das súas familias.

Feijóo concluíu destacando a traxectoria e experiencia do novo presidente do Cermi-Galicia, Luciano Fernández, así como o labor desenvolvido polo presidente saínte, Iker Sertucha.

Imaxes relacionadas