O secretario xeral para o Deporte lembra a importancia do papel da actividade física no desenvolvemento do ecosistema tecnolóxico e dixital

No Máster en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo no que presentou a conferencia de Manel Varcarce

Vigo, 3 de decembro de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de presentar de xeito virtual a conferencia ‘Tecnoloxía aplicada á xestión deportiva’ a cargo de Manel Varcarce enmarcada no Máster en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo.

Lete Lasa agradeceu ao profesor Patricio Sánchez a celebración un ano máis deste máster de gran importancia para o sector deportivo e destacou o currículo de Manel Varcarce subliñando a súa formación como doutor en Actividade Física e Deporte, diplomado en Ciencias Empresariais e mestrado en Administración e Dirección do Deporte, ademais da súa brillante carreira profesional que converten a súa conferencia nunha “máis que interesante e frutífera sesión de traballo e aprendizaxe que se nos presenta a todos”.

Nas súas verbas, o secretario xeral destacou “o desenvolvemento do ecosistema tecnolóxico e dixital como parte das claves para o crecemento como país e como sociedade”. Esta transición, dixo o mandatario galego, “debe dar prioridade á dimensión humana” e á “capacidade colectiva de transformar a economía e a sociedade para situalas nunha senda máis sostible”.

Lete Lasa apuntou a importancia de que, neste camiño, “deporte, actividade física e tecnoloxía poden e deben ir da man”, nomeadamente, pola capacidade do sector en servizo “á saúde e o benestar individual e colectivo e, como non, o seu papel igualmente relevante como sector destacado con achega específica á economía e ao emprego”.

Neste sentido destacou o papel do deporte galego que “grazas a un traballo en rede e colaborativo” foi quen de implementar o manual FISICOVID- DXTGALEGO en máis de 70 protocolos de actuación nun tempo récord.

Imaxes relacionadas