A Xunta aproba as OEP para o ano 2020 da Administración Xeral e do Sergas que sumadas ás do eido educativo acadan as 7.601 prazas, a cifra máis alta dos últimos 12 anos

Feijóo salienta que a oferta de emprego público da Administración Xeral ascende a 2.962 prazas e a do Servizo Galego de Saúde a 985 prazas

Apróbase tamén o novo réxime de teletraballo dos empregados públicos na Administración galega, que converte a Galicia na primeira autonomía en adaptarse á normativa aprobada polo Goberno central en setembro

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación das OEP para o ano 2020 da Administración Xeral e do Servizo Galego de Saúde que, sumadas ás do eido educativo, acadan as 7.601 prazas, a cifra máis alta dos últimos 12 anos.

No tocante ao decreto de oferta de emprego público de emprego da Administración Xeral da Xunta para o ano 2020, Feijóo aseverou que o total ascende a 2.962 prazas, un 67% máis que na OEP de 2019.

Así, inclúe: 2.567 prazas de acceso libre, un 66% máis que en 2019, das cales 1.276 son para a estabilización e consolidación do persoal dos servizos sociais integrados no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. E tamén se ofertan 395 prazas para a promoción interna do persoal funcionario.

A maiores, o decreto conta con 3.410 prazas para a funcionarización do persoal laboral fixo.

Así mesmo, o presidente da Xunta destacou “a sensibilidade coa discapacidade”, cunha reserva de prazas para persoas con discapacidade que acada o 13,7% nas prazas de acceso libre, un 3,4% máis que na oferta de 2019.

“É o momento, sen dúbida, para as persoas ás que lles interesa a Administración Pública, un momento histórico e unha gran oportunidade”, subliñou.

OEP do Servizo Galego de Saúde

En relación á aprobación do decreto da oferta de emprego público correspondente ao ano 2020 no Servizo Galego de Saúde, Feijóo subliñou que, en total, inclúense 985 prazas: 973 prazas de persoal estatutario e 12 de persoal funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria.

Destas 973 prazas de persoal estatutario: 652 corresponden a persoal facultativo; 275 a persoal sanitario diplomado e de formación profesional; e 46 a xestión e servizos. Ademais, reservaranse 49 prazas para persoal con discapacidade xeral e 20 para o seu acceso por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

Entre as novidades, inclúense nos procesos das especialidades de medicina unha puntuación específica, a concretar na mesa de negociación, que valore a prestación de servizos en hospitais comarcais ou centros afastados das urbes.

E no que respecta ao persoal funcionario, apróbanse 12 prazas de Saúde Pública, que se acumularán ás aprobadas no 2018 e 2019, nun único proceso, cun total de 82 prazas.

“Non imos esquecer que esta non é a OEP que nos gustaría. Nós pedimos e seguimos pedindo ao Goberno central que se elimine a taxa de reposición, algo co que poderiamos estar convocando 3.500 prazas. Queremos ofertar todas as prazas vacantes”, concluíu.

Novo réxime de teletraballo dos empregados públicos

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo referiuse tamén á aprobación do acordo sobre o novo réxime de teletraballo dos empregados públicos na Administración galega, que converte a Galicia na primeira autonomía en adaptarse á normativa de reforma do teletraballo aprobada polo Goberno central no mes de setembro.

Feijóo subliñou que esta modalidade será voluntaria e reversible tanto para o empregado público que o solicite como para a propia Administración. A autorización terá duración dun ano e prorrogarase automaticamente nas mesmas condicións mentres persistan as circunstancias que deron lugar a esa autorización; e as unidades administrativas contarán, con carácter xeral, cunha presenza diaria mínima do 40% dos seus empregados. Ademais, o teletraballo será compatible con calquera das modalidades horarias permitidas e o acordo recoñece expresamente o dereito á desconexión dixital dos empregados públicos.

Terán prioridade para acollerse a esta modalidade as vítimas de violencia de xénero, mulleres embarazadas, persoas con discapacidade, maiores de 60 anos, aquelas persoas que teñan necesidades obxectivas de conciliación e as que teñan unha maior distancia de desprazamento ás oficinas físicas.

En virtude deste acordo, a Administración dotará de medios tecnolóxicos ao persoal que estea teletraballando. Facilitaráselles un ordenador; acceso ás aplicacións informáticas da Comunidade; ferramentas ofimáticas; conexión cos sistemas informáticos da Administración; e os sistemas de sinatura electrónica que garantan a seguridade e privacidade dos traballos a desenvolver.

Por último, Feijóo resaltou que esta modalidade a distancia non poderá aplicarse naqueles postos nos que a súa prestación efectiva só pode quedar garantida a través de presenza física.

Imaxes relacionadas