Feijóo destaca a posta en marcha de equipos de intervención rápida para actuar coa máxima celeridade e atallar o avance do virus nunha residencia intervida

Explica que haberá un equipo por cada provincia, que estará conformado por un mínimo de 10 auxiliares de enfermería

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a posta en marcha de equipos de intervención rápida para actuar coa máxima celeridade e atallar o avance do virus nunha residencia intervida.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo explicou que cada un destes equipos estarán conformados por un mínimo de 10 auxiliares de enfermería pertencentes ao cadro de persoal da Consellería de Política Social, contando cun equipo por provincia. E, sobre este punto, sinalou que unirse a un destes equipos de intervención rápida será totalmente voluntario.

O presidente da Xunta tamén aproveitou a rolda de prensa para lembrar o esforzo da Administración autonómica para reforzar a capacidade de prevención e detección temperá de calquera gromo nunha residencia: duplicando a frecuencia dos cribados por PCR no 100% das residencias, que pasan a ser semanais; poñendo test de antíxenos á disposición de todas as residencias; realizando un dobre cribado (por PCR e antíxenos) nunha residencia por área sanitaria; e facendo un estudo serolóxico en todos os centros.

Así mesmo, referiuse á realización dun cribado quincenal por PCR a todos os usuarios das residencias nas que non houbo casos; e a realización dunha auditoría intensiva ao longo de 15 días, para verificar o cumprimento dos protocolos e das medidas de protección por parte de todas as residencias de Galicia.
 

Imaxes relacionadas