Marta Fernández-Tapias cifra en máis de 2,3 millóns de euros as obras en execución nos centros escolares da cidade de Vigo

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo achegouse ata o CEIP Santa Mariña para supervisar o cambio da cuberta no que se investiron 112.518 euros

Destaca os importantes traballos de mellora que se están a acometer en varios institutos vigueses, como é o caso do IES Santa Irene, A Guía, Castelao e Beade

Vigo, 3 de decembro de 2020

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse ata o CEIP Plurilingüe Santa Mariña para supervisar o resultado do cambio de cuberta no que se investiron 112.518 euros.

Acompañada polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez Ares, e parte do equipo directivo docente deste centro, fóra do horario lectivo, a representante do Executivo autonómico detallou que os traballos consistiron na retirada dos distintos materiais existentes e a colocación do nova cubrición co illamento correspondente, a reparación das cornixas e limas e a substitución das respectivas cunetas e baixantes.

Asemade, e co obxectivo de darlle continuidade á comunicación cuberta entre as zonas de aulas e administración e a zona dos vestiarios, comedor e ximnasio, executouse unha estrutura nova a base de pórticos metálicos.

Fernández-Tapias aproveitou a visita para recordar que a Xunta de Galicia está a acometer importantes obras no conxunto dos centros escolares de Vigo, entre as que citou as melloras básicas de eficiencia enerxética actualmente en execución nos IES de A Guía (240.777 euros), Castelao (241.121 euros) e Beade (236.225 euros). Asemade referiuse á rehabilitación integral do IES Santa Irene por un importe total de 1.265.487,82 euros.

Segundo cifrou a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, nestes intres a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten en execución nos centros da cidade obras por un valor superior aos 2,3 millóns de euros.

Imaxes relacionadas