O programa Girl Stem entrevista a Amparo Alonso Betanzos, investigadora en proxectos de computación e intelixencia artifical

A quinta conversa desta edición pon o foco na fenda de xénero que se producen no ámbito da intelixencia artificial e dos riscos que corremos como sociedade se non recibimos formación en TIC’s

A iniciativa está enmarcada no Plan de Talento Dixital da Xunta, para incentivar a vocación das rapazas en estudos STEM

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2020

Esta semana GIRL STEM conversa con Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación da Universidade da Coruña e investigadora en proxectos de Computación e Intelixencia Artificial.

Esta entrevista, realizada pola informática galega e Premio Ada Byron, Luz Castro, salienta que temos que corrixir eivas na intelixencia artificial porque nos ofrece resultados que perpetúan os sesgos de xénero en accións tan cotiás como as traducións automáticas ou os asistentes persoais. Sobre o futuro da intelixencia artificial, a profesora Alonso asegura que “a gran revolución vai vir en áreas como a sanidade e o ensino”.

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), continúan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).

Nesta edición, o programa GIRL STEM transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19 e para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.

Así, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Amparo Alonso Betanzos en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coas súas biografías, a explicación dos seus traballos e os proxectos que están a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.

Amparo Alonso Betanzos

Amparo Alonso Betanzos, nada en Vigo, é una Enxeñeira Química española, investigadora en intelixencia artificial. É catedrática e coordinadora do grupo de investigación LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) no departamento de Ciencias da Computación da Facultade de informática da Universidade da Coruña. Tamén desenvolve labor investigador no Colexio Médico de Georgia (EEUU) e no departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Foi a primeira española en recibir o premio internacional L´Oréal-UNESCO For Women in Science.

O próximo xoves 10 de decembro, o programa GIRL STEM publicará a última conversa desta edición, protagonizada pola referente Susana Martínez-Conde, neurocientífica e profesora da Universidade de Nova York, que será entrevistada por Mª José Malmierca, coordinadora de e-learning no CESGA..

Ligazón á conversa con Amparo Alonso Betanzos:
https://archive.org/details/sg-amparo-alonso-v-3-1

Imaxes relacionadas