A Xunta achegou 27.000 euros ao Concello do Incio para construír un parque infantil en Vila de Mouros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a nova infraestrutura, situada xunto ao local social do lugar do Barrio

O Incio (Lugo), 3 de decembro de 2020

A Xunta de Galicia achegou 27.000 euros ao Concello do Incio para construír un parque infantil xunto ao local social do lugar do Barrio, na parroquia de Vila de Mouros.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, acompañado polo alcalde, Héctor Corujo -entre outras persoas- visitou hoxe a nova dotación, financiada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a través da convocatoria deste ano para mellorar infraestruturas municipais.

O novo espazo de recreo alberga diferentes xogos infantís, como columpios e unha tirolina de 30 metros de lonxitude. No chan colocouse un pavimento especial para amortecer as posibles caídas dos pequenos e pequenas.

Esta zona de xogos complementa o equipamento que xa existía na contorna do local social, onde tamén hai un parque biosaudable orientado a persoas maiores e unha pista de multideporte.

Arias puxo en valor a colaboración entre administracións “para empregar os recursos públicos de forma eficiente e para impulsar proxectos que respondan ás necesidades específicas de cada territorio”. Nesa liña, o delegado salientou que a cooperación da Xunta co Concello do Incio “permite facilitar un espazo de ocio e convivencia do que poderán desfrutar as familias que residen nesta contorna rural”.

Por último, Arias lembrou que a Orde de axudas destinadas a concellos para mellorar infraestruturas de uso público dispón de catro millóns de euros na convocatoria deste exercicio, un millón máis que o ano pasado.

Imaxes relacionadas