O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria acudiu á clausura do curso que se vén de impartir en Vilalba, tras atender o Goberno galego as demandas do sector

Os 15 alumnos que recibiron a formación impartida pola Xunta para o manexo de autocargadores e procesadoras forestais contarán cun emprego ao remate do curso

Así o avanzou José Luis Cabarcos, poñendo de relevo as posibilidades de futuro que o rural galego ofrece ás novas xeracións

A iniciativa está integrada no Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2020, que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Agacal

Ao abeiro do Plan Forestal, promoveranse deica o ano 2040 accións formativas para propietarios e/ou xestores de montes, un programa de fomento da investigación e a innovación no sector e outro de estatísticas forestais

Vilalba (Lugo), 3 de decembro de 2020

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, avanzou hoxe que os 15 alumnos que recibiron a formación impartida pola Xunta para o manexo de autocargadores e procesadoras forestais contarán cun emprego ao remato do curso. Así o dixo na clausura da iniciativa que se vén de impartir no polígono industrial de Vilalba, onde puxo de relevo as posibilidades de futuro que o rural galego ofrece ás novas xeracións.

Nesa liña, o director da Agacal cualificou as “máis de 250 horas de formación” que contemplou esta acción como “unha ferramenta útil para o futuro profesional” dos participantes. Lembrando que o programa foi levado a cabo por Medio Rural atendendo unha demanda do sector forestal, José Luis Cabarcos destacou que “as zonas rurais representan grandes oportunidades” e que por iso a Consellería “está traballando para xerar as condicións que permitan un rural rendible, sostible e de futuro”.

A clausura do curso contou cunha proba de manexo de maquinaria pesada por parte dos alumnos, unha vez foron instruídos para manipular as procesadoras e autocargadores forestais. Así, os participantes recibiron formación teórica e práctica sobre o sector forestal en xeral, en materia de sanidade vexetal, repoboación e anticipación aos incendios, pero tamén no referido a estes aparellos e á prevención de riscos laborais, uns contidos primordiais á hora de enfrontarse ao manexo da maquinaria forestal.

Esta acción está integrada no Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2020, que ten como principal obxectivo o de impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Plan Forestal de Galicia

Cómpre destacar que, ao abeiro do Plan Forestal que entrará en vigor no primeiro semestre de 2021, a Xunta persegue acadar unha cadea monte-industria altamente cualificada e que elabore produtos cun alto valor engadido mediante -entre outras- 250 accións de formación e profesionalización dirixidas a propietarios e/ou xestores de montes nos seguintes 20 anos.

Deica o 2040, tamén se prevé promover un Programa de fomento da investigación, desenvolvemento e innovación forestal dotado con 135 millóns de euros, así como unha cooperación e coordinación efectiva para a mellora da formación forestal universitaria e profesional en Galicia. A maiores, o documento busca lograr un monte dixitalizado e tecnificado mediante, entre outros, un Programa dixital de información e estatísticas forestais coordinado co Inventario forestal continuo de Galicia (IFCG).

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural