A Delegación Territorial en Vigo acolle un seminario online para resolver dúbidas e axilizar as solicitudes das axudas do Plan de Rescate da Xunta

Promovidos por Turismo de Galicia en colaboración coa Vicepresidencia económica e a Consellería de Emprego e Igualdade, a xornada enmárcase no conxunto dos webinars que se están a celebrar nas catro provincias

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernádez-Tapias, destacou que é de esperar que estas liñas de axudas pronto sexan complementadas con apoios por parte doutras administracións

As axudas lanzadas para autónomos con e sen empregados, microempresas e sector da hostalería teñen aberto o prazo de solicitude

Hoxe publícanse no DOG os apoios de ata 20.000 euros para facilitar a instalación e mellora de terrazas e as vendas a domicilio na hostalería

Vigo, 3 de decembro de 2020

Co obxectivo de informar e axudar aos potenciais beneficiarios do Plan de Rescate da Xunta de Galicia dirixido a persoas traballadoras autónomas, microempresas e o sector da hostalaría no proceso de solicitude das diferentes liñas abertas, a delegación territorial da Xunta en Pontevedra, en colaboración con Turismo de Galicia, a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Consellería de Emprego e Igualdade, celebrou hoxe un seminario online informativo no marco da programación de webinars que se están a desenvolver nas catro provincias entre o 2 e o 7 de decembro.

O webinar que se celebrou en Pontevedra contou coa participación da delegada territorial, Luisa Piñeiro, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, técnicos do IGAPE e César Sánchez-Ballesteros, en representación do Clúster de Turismo de Galicia. Orientado aos sectores afectados polo peche derivado das normativas de seguridade sanitaria, o seminario permitiu resolver dúbidas e achegar a información de xeito máis eficaz e directo, facilitando así que os beneficiarios poidan acceder de xeito máis rápido, grazas tamén a unha tramitación áxil.

Neste sentido, Fernández-Tapias destacou que este plan contribúe ao mantemento do emprego e da actividade económica de autónomos e micropemes da provincia, apoiando de xeito específico a actividade dos establecementos da hostalaría afectados polos peches recomendados polas autoridades sanitarias. Asemade, subliñou que é de esperar que estas liñas de axudas pronto sexan complementadas con apoios por parte doutras administracións.

Axudas complementarias

As tres liñas de axuda que conforman o Plan de Rescate autonómico están dirixidas a autónomos con e sen persoal a cargo, microempresas e autónomos con persoal a cargo e o sector da hostalaría, que poderán solicitar os apoios ata o vindeiro 18 de decembro, no caso da liña de autónomos con e sen persoal a cargo, e ata o 28 de decembro no das microempresas e establecementos hostaleiros afectados polos peches desde o pasado outubro como consecuencia das medidas implantadas pola autoridade sanitaria.

No caso das axudas a microempresas ou traballadores autónomos con persoal contratado e dotada con 37 millóns de euros, a contía da axuda é de 4.000€ para todos os sectores e de 5.000€ para as actividades económicas especialmente paralizadas (lecer nocturno, atraccións de feiras, transporte, axencias de viaxes, cines ou comidas para eventos, entre as principais).

A liña creada de xeito específico para a hostalería e dotada con 17 millóns de euros, permitirá conceder a cada establecemento axudas de 1.500 euros ao mes que, no caso de empresas con 10 ou máis traballadores, serán de 2.000 euros ao mes.

A terceira liña, activa xa desde o pasado 18 de novembro e dotada con 30 millóns de euros, suporá unha aportación única para autónomos con ou sen persoal a cargo de 1.200 euros en xeral e de 2.000 euros para as actividades especialmente paralizadas.

Todas as axudas son complementarias e acumulables entre si polo que, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros pechados polas restricións sanitarias, por exemplo, as contías das axudas poderán acadar 9.200 euros, cifras que sitúan a Galicia como unhas das comunidades á cabeza en canto aos apoios dispensados a este sector.

Coa posta en marcha deste Plan de Rescate, deseñado en colaboración cos axentes sociais e económicos de Galicia, a Xunta pretende aportar liquidez aos empresarios das actividades máis afectadas pola pandemia, en especial aos establecementos hostaleiros nos concellos que, no peor dos casos, están inactivos desde o pasado mes de outubro.

Ademais, hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia as axudas directas para terrazas e envío a domicilio por importe de 3 millóns de euros, con axudas entre 1.200 e 20.000 euros, para que restaurantes e cafeterías poidan adecuar os seus espazos exteriores e adquirir elementos de envasado de comida e bebida para a entrega a domicilio ou a recollida no local.

Tamén está en marcha unha liña de préstamos directos mediante créditos de entre 3.000 e 500.000 euros por negocio para axudar aos sectores que teñen máis dificultades para acceder ao financiamento privado, como o ocio nocturno e a hostalería, a industria cultural, as orquestras, a economía social, o comercio estacional e as feiras. Trátase de préstamos con xuros baixos (próximos aos 0%) que se poderán amortizar en sete anos, incluíndo ata tres de carencia.

Imaxes relacionadas