A Xunta publica hoxe no DOG o cambio de titularidade a prol do Concello de Rois de varias franxas de dominio público viario e treitos antigos das estradas autonómicas AC-301 e AC-543

Trátase de franxas e treitos que discorren integramente polo termo municipal

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén dentro da competencia autonómica a calzada e beiravías no caso dos treitos da AC-543

O cambio de titularidade será efectivo desde mañá

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto do cambio de titularidade, a prol do Concello de Rois, de varias franxas de dominio público viario e treitos antigos nas estradas autonómicas AC-301 e AC-543.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, de acordo cos informes da Axencia Galega de Infraestruturas á petición do Concello de Rois, formula a proposta favorable de transferencia das franxas de dominio público viario e dos treitos antigos que descorren na súa totalidade polo termo municipal. Está previsto manter dentro da competencia autonómica os sobreanchos que están fóra de solo urbano ou non estar ordenados.

O Consello da Xunta do pasado día 20 de novembro acordou o cambio de titularidade dos treitos antigos e franxas de dominio público viario, agás calzada e beiravías, da estrada autonómica AC-543 así como os treitos antigos da mesma.

A transferencia a prol do Concello de Rois tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade, o Concello terá a competencia para actuar nos tramos transferidos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

A transferencia desta estrada será efectiva desde mañá, tras a súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/bj4rb