Román Rodríguez invita a mergullarse na figura de Carvalho Calero para que o seu legado continúe máis presente ca nunca

O conselleiro de Cultura e Educación inaugurou hoxe a mostra ‘Carvalho Calero. A voz presente’ centrada no autor ao que este ano se dedican as Letras Galegas

A exposición está impulsada en colaboración coa Associaçom Galega da Lingua (AGAL) e poderase visitar no Auditorio de Galicia de Santiago ata o 7 de marzo

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe en Santiago a mostra Ricardo Carvalho Calero. A voz presente, que promove a Xunta de Galicia en colaboración coa Associaçom Galega da Lingua (AGAL) no marco da programación institucional conmemorativa das Letras Galegas 2020. Trátase dun proxecto expositivo que se poderá contemplar no Auditorio de Galicia ata o 7 de marzo de 2021 e que está comisariado polos profesores Carlos Quiroga e Xosé Luís Rodríguez.

Durante o acto, o titular de Cultura e Educación invitou á cidadanía a “mergullarse e afondar en cada unha das dimensións que ao longo da súa vida foi desenvolvendo e cultivando Carvalho Calero” co obxectivo de que o seu legado continúe hoxe “máis presente ca nunca”. Neste sentido, destacou a importancia de que esta mostra se inaugure en Santiago de Compostela porque “permite que o profesor regrese a unha cidade imprescindible na que exerceu o seu maxisterio desde a primeira cátedra universitaria de lingua e literatura galegas”.

O proxecto expositivo retrata a figura, vida e obra de Carvalho Calero arredor dunha ducia de paneis, un audiovisual e un díptico explicativo (reformulado en código QR para adaptalo ás medidas de seguridade sanitaria e protocolos derivados da crise da Covid-19). En cinco destes paneis, preséntase unha liña de tempo con datos relativos ao percorrido vital do autor, os espazos onde este se desenvolveu, as circunstancias políticas que o rodearon e a súa obra.

A continuación, outros cinco céntranse en aspectos da súa figura e do seu legado. Así, o primeiro deles aborda o seu traballo como filólogo e divulgador, tanto da literatura como da lingua galega. O segundo, baixo o título de A obra, ocúpase da faceta do creador literario, mentres que o terceiro, Lugares vitais, afonda na súa relación con Ferrol, Lugo e Santiago de Compostela. Os cuarto panel, pola súa banda, ocúpase da súa posición con respecto á norma ortográfica do galego. O último, denominado Intelectual honesto, mostra a súa actitude vital independente, crítica e comprometida ao longo dos anos.

Imaxes relacionadas