O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a mostra ‘Facer Camiño’ que remata na Biblioteca Pública de Ourense a súa itinerancia por Galicia

Xunta e Real Academia de Belas Artes levan a Ourense a visión do Camiño de 12 dos creadores galegos máis destacados

Poderá visitarse ata o 30 de decembro na Biblioteca Nós e está composta por 23 pezas pictóricas, escultóricas e fotográficas de diferentes xeracións e estilos

Anxo M. Lorenzo animou aos ourensáns a visitala e agradeceu o traballo dos artistas que participan nesta “peregrinación artística” como anticipo do Xacobeo 2021

Ourense, 2 de decembro de 2020

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Biblioteca Pública Nós a mostra itinerante Facer Camiño organizada pola Real Academia Galega das Belas Artes (RAGBA) co apoio da Xunta, que remata nesta cidade a súa itinerancia por Galicia despois de varios meses percorrendo distintos puntos da Comunidade. Nela participan algúns dos máis destacados artistas galegos que achegan a súa visión da arte e o Camiño de Santiago.

Durante a inauguración, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade celebrou a boa resposta da mostra nas cidades polas que itinerou durante este ano comezando por Vigo e continuando na Coruña, Lugo, Tui, Cee, Santiago, Ferrol, Mondoñedo e Pontevedra “constatando que a cultura segue a ser unha peza clave e que exposicións como esta demostran que se pode seguir realizando de forma segura”, dixo.

Agora, na súa última parada, animou aos ourensáns a visitala para poder gozar dunha mostra que destaca pola importancia dos artistas de distintas xeracións que participan creando “toda unha peregrinación artística a través dunha expresión visual única do Camiño de Santiago”.

Escolma do talento galego

A mostra poderá visitarse na Biblioteca Pública de Ourense ata o 30 de decembro e está comisariada por Asunta Rodríguez. Reúne unha escolma do traballo dos artistas galegos, todos eles pertencentes á RAGBA: Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado.

Concretamente expóñense 23 pezas, entre as que se inclúen pinturas, esculturas e fotografías, enfiadas por citas e referencias á peregrinación xacobea e á súa meta de autores tan destacados como Dante, Federico García Lorca ou Vicente Risco.

A mostra inaugurada enmárcase no marco de colaboración institucional existente entre a Administración autonómica e a Academia, e que este ano se da un reforzo para afondar no vínculo entre a cultura e o Camiño de Santiago, a través dunha programación de calidade, accesible e deslocalizada.